Monterroso acada a débeda cero e abre unha etapa de investimento público e consenso político

LugoXa
O Concello salda todos os préstamos e anuncia diálogo multipartito para aprobar os vindeiros Orzamentos municipais
alcalde-Monterroso-Eloy
5 Nov 2025

O Concello de Monterroso pecha unha etapa clave na súa xestión financeira ao cancelar por completo os préstamos pendentes con diferentes entidades bancarias, alcanzando así a débeda cero por primeira vez en varios anos. Este avance, aprobado pola Corporación municipal, marca un punto de inflexión que permitirá encarar novos proxectos e reforzar o investimento público en beneficio da cidadanía.

O alcalde, Eloy Pérez, destacou que esta situación “representa unha excelente nova para as contas municipais, xa que nos permite afrontar o futuro con maior capacidade inversora e impulsar iniciativas que respondan ás necesidades dos veciños e das veciñas”. O rexedor atribuíu este resultado a unha administración “seria, responsable e transparente dos recursos públicos”, subliñando ademais o compromiso do equipo de Goberno, que desenvolveu o seu labor de forma altruísta, sen percibir remuneración, guiado polo interese xeral e o progreso do municipio.

Con esta nova realidade económica, o Goberno local abrirá agora unha fase de diálogo cos diferentes grupos políticos para deseñar os Orzamentos do vindeiro ano. Pérez avanzou que buscará o consenso para aprobar unhas contas que garantan continuidade na xestión e permitan novas actuacións en ámbitos prioritarios. “Convido todas as formacións a achegar propostas para construír un proxecto común que manteña unha xestión responsable e promova inversións que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza”, explicou.

A amortización total da débeda e a vontade de acordo expresada polo alcalde sitúan Monterroso nun escenario de estabilidade financeira e institucional, reforzando unha estratexia de futuro baseada na planificación, a responsabilidade e o avance compartido.

⚙ Configurar cookies
0.043035984039307