Monterroso aproba unha moción contra a instalación de Altri en Palas
O BNG de Monterroso presentou unha moción no pleno do mes de abril para que o Concello mostrase o seu rexeitamento á instalación da macrocelulosa na zona da Ulloa. A moción saíu aprobada cos votos en contra do PP. O concelleiro nacionalista advirte que a instalación de Altri en Palas de Rei pode supoñer un grave prexuizo ambiental e socioeconómico para a zona da Ulloa ao ser o lugar de instalación dun macroproxecto que a Xunta comprometeu como unha factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha “macrocelulosa”.
A Xunta “leva anos prometendo unha instalación para a fabricación de fibras téxtiles que non vai ser, segundo o propio proxecto de Altri, máis que unha celulosa mastodóntica”, denuncia o nacionalista Brais Vázquez, e van esixirlle ao Goberno do PP “todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e tamén para a ría de Arousa”.
Neste sentido, cómpre lembrar que, segundo recoñece a empresa no seu proxecto, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 de fibras téxtiles nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría a pleno rendemento.
O proxecto supón tamén unha agresión directa aos recursos hídricos, coa captación de 16 millóns de metros cúbicos ao ano (46.000 diarios), e un enorme impacto medioambiental e socioeconómico, coa vertedura ao río Ulla de aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial. “Nin na zona centro do país nin na ría de Arousa queremos unha bomba medioambiental nin que hipotequen o futuro desta comarca”, concluíu Brais Vázquez.