Monterroso aproba unha moción do BNG para rexeitar o acordo comercial entre a UE e Mercosur

LugoXa
O portavoz nacionalista advirte do impacto negativo no sector primario da Ulloa e critica a postura de PP e PSOE
Brais-Pleno-BNG-Monterroso
31 Jan 2026

O pleno do Concello de Monterroso aprobou unha moción presentada polo BNG para expresar o rexeitamento ao acordo de libre comercio subscrito entre a Unión Europea e o Mercosur, ao considerar que prexudica de maneira directa os intereses do sector primario galego. A iniciativa saíu adiante co apoio de IxM e PG.

Na defensa da proposta, o portavoz do BNG, Brais Vázquez, puxo o foco na realidade socioeconómica da comarca da Ulloa, unha zona fortemente vinculada á actividade agraria e gandeira, e advertiu de que o acordo supón unha desprotección dun sector que sustenta boa parte da economía local. O portavoz nacionalista cualificou o pacto como unha decisión contraria aos intereses do campo galego, ao permitir a entrada de produtos procedentes de América do Sur con menores custos de produción e estándares máis laxos.

Vázquez incidiu en que, máis alá do acordo con Mercosur, o sector precisa medidas urxentes como unha redución da carga burocrática, melloras na Lei da Cadea Alimentaria e un reforzo da bioseguridade. Tamén se fixo eco das mobilizacións protagonizadas nas últimas semanas por gandeiras e gandeiros, alertando de que a chegada masiva de produtos agrarios importados afectará especialmente á gandería extensiva dedicada á produción de carne e derivados.

Durante a súa intervención, criticou tamén que se esixa aos profesionais do sector unha formación cada vez máis ampla, desde coñecementos informáticos ata manexo de maquinaria, gando ou benestar animal, mentres que, ao seu xuízo, as administracións non responden coa mesma firmeza á hora de defender os seus intereses fronte ás decisións adoptadas a nivel europeo.

O portavoz do BNG subliñou ademais a importancia do sector gandeiro na comarca da Ulloa, advertindo de que continúan pechando explotacións e de que as políticas destinadas ao relevo xeracional e á loita contra o abandono do rural non están a dar resultados efectivos.

Por último, cuestionou a postura de PP e PSOE, que apelaron ás chamadas cláusulas de salvagarda incluídas no acordo. Segundo Vázquez, esas medidas non contan nin coa capacidade nin coa axilidade necesarias para evitar unha distorsión dos prezos que, mesmo cunha variación do 10%, podería ter consecuencias graves para as explotacións da comarca. Na súa reflexión final, apostou por avanzar cara a un modelo de produción máis sostible, baseado no consumo de produtos locais e na limitación das importacións masivas innecesarias, e criticou a diferenza entre a posición que o Partido Popular mantén nos órganos de representación política e a que traslada publicamente aos medios.

⚙ Configurar cookies
0.082521915435791