Monterroso avanza na mellora de infraestruturas cunha moción aprobada do BNG

LugoXa
A moción insta ao Goberno municipal a buscar financiamento para levar a cabo melloras no saneamento e abastecemento de auga en Arxona e Montecalvo
Brais-e-Iñaki-BNG-Monterroso
31 Jan 2025

O Bloque Nacionalista Galego conseguiu que se aprobara en pleno a súa moción, que insta ao Goberno municipal a buscar financiamento para levar a cabo melloras no saneamento e abastecemento de auga en Arxona e Montecalvo, así como a optimización dos servizos na Avenida das Neves.

Brais Vázquez, portavoz do BNG, resaltou a urxencia de resolver as deficiencias no servizo de saneamento que afectan a estas zonas desde hai anos. "Garantir unhas condicións dignas de saneamento e abastecemento é unha prioridade fundamental tanto para a calidade de vida dos veciños como para a protección do medio ambiente", subliñou.

A moción aprobada tamén pide á equipa de goberno local que explore todas as posibilidades de financiamento, tanto a nivel autonómico, estatal como europeo, para acometer as obras necesarias.

Vázquez insistiu na importancia de que o goberno local se implique activamente na busca de solucións e aproveite todas as axudas e subvencións posibles.

O BNG comprometeuse a seguir fiscalizando o cumprimento deste acordo e a garantir que os veciños e veciñas do rural e da vila teñan acceso a servizos de saneamento adecuados no menor tempo posible.

0.094840049743652