Monterroso celebra a historia da súa feira con máis de oito séculos de tradición

Monterroso afonda na memoria da súa feira máis emblemática cun acto especial titulado “Monterroso, máis de 800 anos de Feira”, programado para o 31 de outubro ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da vila. A iniciativa terá lugar coincidindo coa tradicional Feira de Santos.
O evento inclúe unha charla divulgativa sobre a evolución da feira ao longo dos séculos —pasado, presente e retos de futuro— e, a continuación, a proxección do audiovisual “Se ti vises o que eu vin…”, unha obra que recolle testemuños, lembranzas e a esencia desta cita histórica tan ligada á identidade do municipio.
Coa actividade, o Concello de Monterroso busca poñer en valor unha tradición con máis de 800 anos de vida, símbolo da súa cultura popular e da importancia das feiras como espazos sociais e económicos ao longo do tempo.