Monterroso celebra con éxito a XII Concentración Moteira que reuniu máis de 300 participantes

O Concello de Monterroso salientou o éxito da XII Concentración Moteira que se desenvolveu durante a fin de semana e que reuniu na vila a centos de afeccionados ao motor. O alcalde, Eloy Pérez, puxo en valor a alta participación e o ambiente festivo que se viviu tanto o sábado como o domingo.
Ao longo das dúas xornadas déronse cita máis de 300 motocicletas nun encontro no que non faltaron xogos, exhibicións, música en directo, entrega de premios e sorteos.
Un dos momentos máis multitudinarios foi a exhibición de Paulo Martinho, pioneiro do Freestyle a nivel europeo, quen protagonizou dous pases, un pola tarde e outro de madrugada, reunindo a centos de seguidores desta disciplina deportiva.
O rexedor agradeceu de forma especial o labor desenvolvido polo Motoclube Ó Corte e subliñou a importancia de recuperar unha cita que levaba anos sen celebrarse e que nesta ocasión rematou con éxito para a vila.