Monterroso celebrará o Entroido con premios para comparsas e a recuperación do 'fulicheiro'

O Concello de Monterroso prepara unha xornada festiva para o vindeiro martes 4 de marzo, o día grande do Entroido, cunha serie de actividades e premios destinados a fomentar a participación e a recuperación de tradicións locais.
Nesta edición, ademais dos premios habituais para comparsas, grupos e disfraces individuais, destaca a inclusión do 'Mellor Fulicheiro', un galardón destinado a recuperar esta figura tradicional do Entroido, baseada nas vestimentas de antano feitas con roupa vella, que deixaron de ser útiles para as tarefas cotidianas.
O Concello de Monterroso repartirá un total de preto de 2.000 euros en premios entre os mellores disfraces do desfile, que sairán ás 17.30 horas desde a rúa Camiño Real, xunto ao Lavadoiro da Ulloa.
A inscrición para participar no evento estará aberta ata o venres 28 de febreiro no Espazo Cultural Lorenzo Varela ou no propio punto de saída do desfile, onde tamén se realizará a inscrición a partir das 16.30 horas.
Os participantes deberán formar parte do desfile e, ademais, realizar unha parodia no Auditorio Municipal. Unha das condicións máis destacadas é que non se permitirá a participación con animais.
O concurso será xulgado por un representante maior de idade de cada comparsa, que non poderá votar por o seu propio grupo. Ademais, un secretario sen voz nin voto, membro do persoal do Concello, certificará que se cumpren as condicións establecidas nas bases e elaborará unha acta coa resolución dos disfraces premiados, que será asinada por todos os membros do xurado.
O xurado valorará especialmente a animación, a orixinalidade, a creatividade e a espontaneidade dos participantes. Os premiados serán anunciados na Cúpula ao remate do Concurso de Disfraces, sobre as 20.30 horas, dependendo da duración das parodias e do número de participantes.
O Concello de Monterroso invita a toda a veciñanza a participar nesta festa de Entroido, que, ademais de ser unha cita divertida, tamén ten como obxectivo recuperar e conservar as tradicións máis auténticas do municipio.