Monterroso dedicará os remanentes de tesourería a mellorar a vila
O Concello de Monterroso vén de aprobar a utilización de 10.000 euros de remanentes de tesouraría para a mellora da accesibilidade en varias vías da cidade. Segundo informa o Goberno local “é preciso intervir nalgunhas rúas e accesos”. Entre os arranxos que se prevén, están o cruzamento da avenida das Neves, onde se mellorará a visibilidade, ou a rúa Álvarez Cabana, na que comunicarán os dous parques infantís da vila.
Outros 6000 euros de remanentes serán os encargados de darlle unha solución definitiva á problemática das escaleiras da avenida General Salgado co cruzamento de Álvarez Cabana. Para iso, expropiarán os terreos necesarios para recuperar o dominio público das mesmas.
Monterroso dedicará á renovación e mellora do mobiliario urbano 20.000 euros. Con eles, humanizarán espazos instalando máis bandos e xardiñeiras, mellorando así a imaxe medioambiental do municipio. Tamén instalarán unhas letras identificativas da vila para “potenciar turísticamente Monterroso”.
O segundo maior investimento deste plan do Goberno son os 57.600 euros que irán destinados á renovación do firme en rúas municipais. Así, logo de arranxar os problemas de saneamento da rúa Emilio Álvarez, peonalizarán o calellón sen saída. Tamén investirán na rúa Rosalía de Castro así como no problemático cruzamento con Benigno Vázquez.
“É preciso tamén solucionar o problema que lle causa a Deputación de Lugo aos negocios de hostalaría na Avenida do Marco e por iso propoñeráselle que o propio concello interveña na vía de titularidade provincial dende o cruce coa Avenida de Lugo ata o bar Avenida para que estes podan utilizar as súas terrazas xa que a Deputación, a pesar do informe técnico do Concello lles denega o uso da vía provincial para instalar as súas terrazas”, explica o Goberno.
O primeiro gran investimento, 113.730 euros de remanentes, serán para a renovación do firme en varias pistas do rural. “Dous exemplos claros son aliviar a carga a ponte de Leborei e todo o núcleo de vehículos pesados arranxando a vía que vai dende a Ponte dos Carros ata Vilanova e Leborei”, explica o Concello. Asemade, propón o arranxo dende a Areosa ata a Nacional 540 para unha mellor comunicación dos veciños de Vilamaior, Outeiro, Mouronte, Areosa, Lamaretorta pois é a principal vía de comunicación dos mesmos.
Entre outros investimentos, Monterroso aproveitará 6.000 euros de remanentes para a instalación de lonas nas pistas de pádel ou 15.000 euros para obras varias no campo de fútbol.
No eido social, dedicarán 10.000 euros para a adecuación dun local no centro sociocultural para a terceira idade. “Unha das apostas máis claras é o benestar dos monterrosinos por iso, dentro da acción do goberno e especialmente logo pandemia, está a de mellorar a calidade dos veciños máis vulnerables”.
No relativo ao ocio, o Concello dedicará 40.000 euros para levar a cabo parte do proxecto sostible que ten o Concello para a renovación de todas as instalacións. Este investimento, depende de permisos sectoriais pendentes que ainda non recibiu o Concello polo que é preciso mellorar a imaxe da Peneda nesta tempada, renovando as súas instalacións.
Por último, o Concello de Monterroso apostará pola automatización das instalacións deportivas do municipio en instalacións intelixentes dotándoas, con 9000 euros, dunha mellora da eficiencia enerxética, maior control de uso e facelas máis sostibles, a través dunha aplicación. Trátase dun sistema novidoso de apertura de portas, acendido de luces e sistema de control.