Monterroso destina 460.000 euros á mellora das vías municipais
O Concello de Monterroso vén de presentar un plan de reparación de vías municipais para este ano que conta cun orzamento de 460.000 euros. Desta cantidade, máis de 300.000 euros investiranse en estradas rurais e os outros 160.000 en vías do núcleo urbano.
O goberno local confirmou, neste senso, que veñen de rematar as obras de mellora na Rúa do practicante Soengas Gontá, no núcleo urbano da localidade. Os traballos consistiron na aplicación de aglomerado en quente de cinco centímetros, a mellora da sinalización existente no vial e a creación de dúas prazas reservadas para persoas con discapacidade.
Adiantaron ademais que a vindeira semana se adxudicarán os primeiros traballos para levar a cabo melloras en viais no rural, concretamente en San Pedro de Frameán, en Tarrío de Buxergos, na vía de Fental a Arada, e en Lourentín.