Monterroso e Portomarín acometerán a mellora do acceso ao núcleo de Comeás

Os concellos de Monterroso e Portomarín porán en marcha nos próximos días os traballos de mellora do camiño que conduce ao núcleo de Comeás, un vial que pertence a ambos termos municipais.
Esta actuación será posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia, que destina un total de 48.199 euros para acometer esta obra de mellora viaria.
Segundo o proxecto previsto, o camiño será dotado dunha nova capa de rodadura axeitada para o tránsito habitual e para o uso que soporta, co obxectivo de eliminar as constantes fochancas que dificultan a seguridade na circulación. Estímase que os traballos teñan unha duración aproximada dun mes.
Os alcaldes de ambos concellos, Eloy Pérez por parte de Monterroso e Pablo Rivas no caso de Portomarín, desprazáronse recentemente ata a zona para comprobar o estado actual do camiño, que presenta múltiples deficiencias. Ambos aproveitaron para agradecer o apoio do Goberno galego, que permitirá acometer o acondicionamento desta vía compartida.