Monterroso externalizará o SAF pola escaseza de persoal
O Concello de Monterroso vén de anunciar que licitará o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata agora municipal, co fin de solventar os problemas de escaseza de persoal que arrastran desde fai tempo e que, según recoñece a alcaldesa Rocío Seijas, están a supoñer "serios inconvintes" para os usuarios e usuarias do servizo.
"En plena pandemia e ata o momento incluso se tivo que apoiar o servizo coas auxiliares do Centro de Día pero, ante a súa inminente reapertura, as dúas auxiliares volverán aos seus postos de traballo e agudizarase o problema", explica Rocío Seijas.
Ante a escaseza de medios humanos, "derivados en parte das numerosas baixas médicas das auxiliares de axuda no fogar e a escasez de persoal que se apuntou a unhas ofertas de traballo do Concello, xa que todas as persoas que se apuntaron están traballando", o Concello "vese na obriga" de externalizar un servizo tan importante.
A alcaldesa monterrosina adiantou que nos vindeiros días se sacará a licitación o contrato de servizos e que haberá unha "coordinación absoluta" entre o Concello e a empresa adxudicataria. " O Concello marcará as directrices de organización e xestión do servizo, dirixirá as actividades e controlará o correcto desenvolvemento das prestacións. Tamén xestionará o cobro das taxas, fiscalizará a xestión do servizo e inspeccionará as tareas que se desenvolvan. Igualmente, será o Concello o encargado de realizar a valoración de cada usuario e deseñar a intervención, así como evaluar continuamente os cambios", di Seijas.
Asegura ademais que entre as condicións requiridas á empresa adxudicataria estará a subrogación das traballadoras "con todos os seus dereitos e nas mesmas condicións laborais que teñen actualmente".