Monterroso inaugurou a ‘Sala dos Escritores’ do Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’

LugoXa
Dedícaselle esta sala a persoeiros da cultura de Monterroso baixo o nome ‘Sala dos Escritores’, en recordo e homenaxe a cinco escritores
Concello-de-Monterroso-Letras-Galegas
17 Maio 2024

O Concello de Monterroso programou un 17 de maio con varias actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas.

A primeira delas tivo lugar ás 11.30 horas no Centro de Interpretación e Museo das Feiras e consistiu na inauguración da ‘Sala dos Escritores’. A sala que se abriu é unha das tres que se atopan na planta alta do Museo e Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’.

En concreto, dedícaselle esta sala a persoeiros da cultura de Monterroso baixo o nome ‘Sala dos Escritores’, en recordo e homenaxe a cinco escritores.

A sala está composta por cinco vitrinas dedicadas a cadanseu escritor: o párroco Carlos Méndez Vázquez, Lorenzo Varela, Antonio Yebra de Ares, Teolindo Cortiña Toural e Miguel Yebra Varela.

Na inauguración interviron Ana Vila, Adolfina Mesa, Pablo do Batán, Fernando García Penas e Marta Saavedra, encargada de conducir o acto. Todos eles leron poemas dos escritores aos que se lle dedican as vitrinas, poemas propios e poemas da homenaxeada polas Letras Galegas deste ano, a escritora Luisa Villalta.

O alcalde agradeceu as doazóns das familias Nicolás Santoalla do Fental, Milagros Menoyo do Fental, Don Carlos Méndez, Yebra Ares, Yebra Varela, e familia de Javier Vázquez Castro. Todas as familias fixeron entrega de obxectos e diverso material para as vitrinas e para o propio museo.

De seguido, houbo unha ofrenda floral no Espazo Cultural Lorenzo Varela ante o busto do escritor. O acto de clausura correu a cargo do alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, quen tendeu a man aos axentes da cultura da localidade para seguir tecendo redes e colaborando en actos e actividades.

0.11939907073975