Monterroso opta a fondos do programa de rexeneración e resiliencia
O Concello de Monterroso opta a fondos do programa de rexeneración e reto demográfico do plan de recuperación, transformación e resiliencia cun proxecto integral que pretende mellorar a mobilidade sostible, a enerxía renovable e a contaminación lumínica.
O plan deseñado polo Concello abrangue tres medidas importantes. En primeiro lugar, a instalación de xeneración térmica renovable e rede de calor e frío para instalar unha caldeira de biomasa na gardería municipal, apostando por unha instalación cunha gran demanda e cun custe de 38.360 euros.
En segundo lugar, a loita contra a contaminación lumínica, alumado eficiente e intelixente, smart rural e tic na que se contempla a renovación de 66 cadros do municipio, incluíndo a substitución de luminarias antigas por novas LED, a renovación de 19 cadros eléctricos, a substitución de 495 soportes (brazos), o cambio de 923 caixas de conexión e a substitución de 2.650 metros de cableado aéreo trenzado. O custe da renovación total está valorado e 1.138.000 euros.
En último lugar a mobilidade sostible a través da mellora peonil das rúas que dan acceso aos centros educativos e ós centros deportivos, nas que se inclúe a rúa Lorenzo Varela, a rúa Xela e a Avenida das Neves por valor aproximado dun millón de euros. Trátase dun plan ambicioso valorado en máis de dous millóns de euros e que opta a ser financiado ao cen por cen ao cumprir os parámetros para ser considerado como un plan integral.
A alcaldesa, Rocío Seijas, destaca que é un plan que fomenta o uso da mobilidade sostible, mellora a calidade de vida dos veciños e supón un gran aforro para as arcas municipais. Ademais recalca que se cumpre cun compromiso claro adquirido e é o cumprimento do PACES e a aprobación do pacto de alcaldes pola acción local en clima e enerxía no que o Concello asumiu un compromiso claro de loita contra o cambio climático.
Ademais, sinala que se busca o asentamento da poboación, apostando por mellorar os servizos e as infraestructuras que dan acceso aos centros educativos, culturais e deportivos de cara a fomentar a natalidade, a conciliación e hábitos de vida saudables, cubrindo as necesidades dos veciños para ofrecer maior seguridade e benestar.