Monterroso pon a disposición dos veciños un programa de formación gratuíto sobre modelos de emprego
O Concello de Monterroso pon a disposición dos veciños un curso de formación gratuíto que ten como finalidade dar a coñecer as opcións laborais con condicións dignas que contribúen ao mesmo tempo á protección ecolóxica e á transformación económica local.
A Escola Cívica de Custodia do Territorio é un programa de formación de balde e esencialmente práctico dirixido a calquera persoa de entre 16 e 35 anos con interese en coñecer modelos de emprego, de empresa e de facer rural baseados na implicación co territorio, nas condicións laborais dignas e na sostibilidade ecolóxica.
Durante varias fins de semana do mes de maio, levaranse a cabo 6 sesións lúdicas e dinámicas de aprendizaxe práctica e socialización co obxectivo de que as persoas participantes descubran opcións laborais para o seu futuro laboral. Quercus Sonora, Milhulloa, S. Coop. Galega, Sen máis, Eira da Xoana e O Zuleiro abrirán as súas portas para presentarse e compartir todo seu coñecemento e experiencia como iniciativas de éxito e referencia a nivel galego.
Ademais, o proxecto pon a disposición das persoas participantes un servizo de acompañamento e asesoramento en relación á dúbidas ou inquedanzas que as persoas participantes poidan ter en relación a opcións laborais vinculadas á economia social e solidaria.
Para adquirir máis información ao respecto ou para realizar a inscrición pódese escribir un correo electrónico a escolacivicamonterroso@gmail.com ou ao whatsap 645129081.
A Escola Cívica de Custodia do Territorio é un proxecto da Indaga Cooperativa, co-financiado polo Concello de Monterroso e a FEMP.