Monterroso presenta a XIX Festa da Xuventude, que se celebrará o venres 1 de agosto

O Concello de Monterroso, representado polo alcalde Eloy Pérez e o concelleiro Balbino Martínez, presentou xunto á comisión organizadora –formada por Patricia, Lindsey, Carla, Patricia e Naiara– o cartel da décimo novena edición da Festa da Xuventude, que se celebrará o venres 1 de agosto.
A programación comezará ás 16:30 horas cos tradicionais xogos populares no espazo cultural Lorenzo Varela, dirixidos á participación da mocidade e tamén das familias. A partir das 19:00 horas dará comezo a animada ruta de bares, amenizada pola charanga Eravisto, que percorrerá os principais locais hostaleiros do municipio co seu ritmo festivo e música en directo.
A xornada rematará coa gran verbena da mocidade a partir das 00:00 horas, coa actuación do grupo Punto Clave, que traerá ao escenario os seus temas máis bailables. A noite continuará cun DJ sorpresa da NSQS, prometendo unha festa longa e chea de enerxía.
A organización corre a cargo da Asociación As Pequenas, coa colaboración do Concello de Monterroso e diversos establecementos locais, e conta cun espazo declarado libre de violencia machista.
A cita consolídase como un dos eventos máis destacados do verán na vila, combinando lecer, música e participación xuvenil.