O PSOE de Monterroso rexeita uns orzamentos municipais que cualifica de "irreais e sen garantías económicas"

LugoXa
O alcalde critica que a oposición bloquea investimentos clave e prioriza intereses partidistas sobre as necesidades dos veciños
alcalde-Monterroso-Eloy
5 Dec 2025

O PSOE de Monterroso votou en contra do proxecto de orzamentos municipais para 2026 ao considerar que se trata dun documento irreal, sobredimensionado e afastado das necesidades reais da vila. O voceiro socialista, Rafael García, explicou que a análise minuciosa das contas levou ao grupo municipal á convicción de que non podían avalialas de ningún modo, xa que, ao seu xuízo, están erixidas sobre bases fráxiles que non garanten un presente sólido nin un futuro estable para o municipio.

O presuposto elaborado polo goberno local ascende a 4,3 millóns de euros, unha cifra da que máis do setenta e sete por cento xa está comprometido en persoal e servizos básicos, o que, segundo o PSdeG, reduce ao mínimo calquera capacidade para impulsar actuacións transformadoras. García destacou que o capítulo de investimentos aparece incrementado con previsións de ingresos doutras administracións para as que non existe nin documentación acreditativa nin compromisos formais, tal e como recolle o informe de Intervención Municipal.

O voceiro insistiu en que a falta de avais oficiais para eses fondos converte o proxecto nun exercicio de ficción contable, xa que non existe ningún convenio nin comunicación institucional que sustente esas cifras. Engadiu que os investimentos figuran descritos de maneira moi xenérica, sen proxectos nin memorias técnicas que xustifiquen o destino das partidas, algo que, ao seu ver, evidencia improvisación e unha absoluta ausencia de planificación.

García subliñou ademais que Intervención advirte de que o proxecto vulnera a regra de gasto e podería obrigar o Concello a preparar un Plan Económico-Financeiro en 2026, o que situaría Monterroso baixo supervisión do Ministerio de Facenda e limitaría a súa autonomía. Nesa liña, asegurou que o PSdeG está comprometido co progreso real do municipio, pero que non apoiará unhas contas que poidan desembocar nun escenario de intervención.

O informe técnico incorpora tamén recomendacións para reducir o uso reiterado de contratos menores e adxudicacións directas. García lembrou que continúan vixentes contratos vencidos, como os de recollida do lixo ou o servizo de iluminación pública, e criticou que o executivo local queira aprobar un presuposto que camiña na dirección contraria á contención recomendada por Intervención.

O voceiro referiuse igualmente á recente proclamación de “débeda cero” por parte do alcalde, que cualificou como “a máis breve da historia”, ao lembrar que só foi posible pola amortización obrigatoria realizada con cargo aos remanentes tras unha advertencia de Intervención sobre o risco grave de incumprimento da estabilidade orzamentaria. Considera incoherente presentar esa situación como exemplo de estabilidade cando os informes, afirmou, sinalan o contrario.

O PSdeG reprochou tamén que ningunha das propostas trasladadas ao goberno local fose incorporada ao proxecto, entre elas a creación dun parque infantil cuberto, a instalación de gradas no campo de fútbol de Cerdeiriños, a redacción dun novo PXOM ou a rehabilitación das Casas Escola para convertelas en vivendas de alugueiro social. García lamentou que o alcalde decidise ignorar achegas que, ao seu entender, responden ás necesidades reais da poboación.

O voceiro advertiu de que varias das carencias estruturais de Monterroso continúan sen resposta por parte da Xunta de Galicia, que no seu borrador de orzamentos para 2026 non contempla nin a nova EDAR nin a residencia da terceira idade nin medidas en materia de vivenda, malia seren demandas aprobadas polo pleno e defendidas polo PSdeG no Parlamento. Lamentou que o Executivo autonómico non reserve nin un euro para o municipio nin para servizos esenciais nin para proxectos de futuro.

Por todo isto, o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, lamentou os votos en contra emitidos polos Grupos Municipais ao borrador de Orzamentos presentado polo equipo de Goberno, unha decisión que, segundo o rexedor, impide que a localidade poida contar cunha residencia de maiores. Só o equipo de Goberno do PP e un dos concelleiros non adscritos apoiaron os Presupostos para 2026, mentres que o resto de Grupos políticos da Corporación votaron en contra.

“Os veciños e veciñas deben coñecer o que supón que a oposición continúe torpedeando ao Goberno local”, sinalou Pérez, quen subliña que a actitude do PSOE, do BNG, dos Independentes e do concelleiro non adscrito bloquea investimentos de gran relevancia para o municipio.

Entre os proxectos frustrados, as contas incluían unha partida de 100.000 euros destinada á adquisición de terreos para a construción dunha residencia de maiores, sendo Monterroso a única vila da contorna que carece deste servizo. Ademais, os Orzamentos recollían investimentos en reformas da Cúpula, das vivendas comunitarias, humanización de rúas, ampliación da Peneda, mellora do campo de fútbol e subvencións ás asociacións veciñais.

O alcalde acusou aos Grupos Municipais que votaron en contra de manter “un bloqueo constante” que non só afecta ao Goberno, senón a todos os veciños, poñendo o interese partidista por riba do benestar cidadán, algo que “lles van ter que explicar porque é moi difícil de comprender”.

O Goberno local recorda ademais o seu esforzo negociador para consensuar os Presupostos co resto de Grupos e considera “inexplicable” que a oposición, tras solicitar durante anos a presentación das contas, vote en contra de propostas que eles mesmos formularon. Pérez asegura que isto evidencia que o obxectivo da oposición é impedir o progreso de Monterroso e que se perdan investimentos de beneficio para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.092103004455566