Monterroso recupera a carreira ciclista III Memorial Xosé Antonio López
O Goberno local do Concello de Monterroso colabora co Club Ciclista Lucus Augusti na organización da carreira ciclista III Memorial Xosé Antonio López, que se vai celebrar na localidade o vindeiro sábado 22 de xuño. O Goberno local recupera esta proba en recordo do ‘Roán’, que non se celebraba desde o ano 2019.
A carreira formará parte do calendario da Federación Galega de Ciclismo, puntuable para a Copa Galicia de ciclismo para as categorías de cadete e júnior. A previsión da organización é que participen na proba preto de 450 deportistas. A proba desenvolverase na Rúa Benigno Vázquez a partir das 10.00 horas.
Participan as categorías Escolas, Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes e Júnior. Trátase dunha proba de ciclismo para a modalidade de estrada realizada nun circuíto urbano pechado ao tráfico cun número determinado de voltas e adaptado a idades e categorías. Haberá ata 4 circuítos diferentes.
A proba está inscrita dentro do Calendario da Federación Galega de Ciclismo pero é de ámbito estatal. A proba para a categoría de escolas será a partir das 16.00 horas e para a categoría cadete e júnior terá unha contra reloxo individual pola tarde e circuíto en estrada pola mañá. Ao finalizar as probas farase a entrega de trofeos.