Monterroso renova o seu polígono industrial con novas luces e sinalización

LugoXa
O Goberno galego destina 44.600 euros a mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética dun espazo que acolle máis de vinte empresas
Poligono-Monterroso
13 Oct 2025

O parque empresarial de Monterroso loce unha nova imaxe tras as obras de mellora promovidas pola Xunta de Galicia, que achegou 44.600 euros para reforzar a seguridade e modernizar a iluminación das súas instalacións.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o recinto acompañado do alcalde, Eloy Pérez, e destacou que esta actuación supón un paso máis para consolidar o tecido industrial do municipio e atraer novos investimentos.

As tarefas desenvolvidas incluíron o repintado da sinalización horizontal de dez vías interiores, cun percorrido total de algo máis dun quilómetro, e a substitución das antigas luminarias por 47 puntos de luz con tecnoloxía LED, máis potentes e sostibles. Tamén se instalou un novo foco sobre o edificio dotacional do parque, co obxectivo de mellorar o alumeado da zona de aparcamento e incrementar a seguridade nocturna.

Con 155.000 metros cadrados de superficie e 21 empresas operativas, o polígono de Monterroso é un dos principais motores económicos do municipio. Arias salientou que dispor de solo industrial ben preparado é clave para impulsar a actividade empresarial e fixar poboación no rural.

A Consellería de Economía e Industria, segundo lembrou o delegado, decidiu duplicar este ano o orzamento destinado ás axudas para a mellora de parques empresariais, ata acadar os 5,6 millóns de euros. Estes fondos pretenden reforzar a eficiencia enerxética, a xestión de residuos, o tratamento de augas e os accesos, ademais de fomentar o uso de subministracións sostibles como o gas ou o hidróxeno.

⚙ Configurar cookies
0.071004867553711