Monterroso renova por completo os dous parques infantís da vila
As nenas e os nenos de Monterroso xa poden desfrutar de dous espazos totalmente reformados. A actuación consistiu na reforma dos parques infantís da Praza Antonio Rojo Losada e Conselleiro Fernando Salgado.
No parque infantil da Praza Antonio Rojo Losada, retirouse o valado existente en mal estado, os xogos existentes e o pavimento de baldosa de caucho endurecido polo paso do tempo. Ademais retiráronse as travesas de madeira perimetrais rotas e deterioradas para colocar unhas novas na parte Oeste do parque para corrixir a pendente de maneira que as augas non penetren no parque e xeren as humidades que existían ata agora.
Colocáronse novos xogos certificados segundo a normativa vixente, valado novo metálico e pavimento de caucho continuo novo para obter a certificación pertinente de homologación do parque.
Modificouse a entrada e eliminouse a diferencia de cotas que había para facer un espazo inclusivo e sen barreiras arquitectónicas facilitando así o acceso a tódolos nenos e nenas de Monterroso.
O parque infantil da Praza Conselleiro Fernando Salgado ampliouse para aproveitar mellor o espazo dispoñible e colocar xogos para tódalas idades e facer tamén un espacio inclusivo e sen barreiras arquitectónicas.
Retiráronse tamén os xogos existentes, o pavimento deteriorado e o valado existente. Esta reforma integral achegou novos xogos, algúns adaptados que abranguen distintas idades e un cambio total do pavimento amortecedor cumprindo o conxunto ca lexislación vixente.
En ambos espazos colocáronse bancos e dispensadores de xel hidroalcólico.
O Concello está a traballar no proxecto dun novo espazo interxeracional cun parque infantil cuberto adaptado a tódalas idades para que os nenos podan desfrutar incluso cando as inclemencias meteorolóxicas non permitan o uso ao aire libre. No próximo ano crearase un espazo interxeracional céntrico no que nenos e adultos establecerán sinerxias e poderán interactuar.