Monterroso reorganiza as aulas da gardería municipal para atender todas as solicitudes de praza

LugoXa
O Concello adapta a distribución interna do centro infantil tras recibir un recurso e garante o acceso a todas as familias solicitantes
Garderia-Monterroso
7 Jul 2025

O Concello de Monterroso vén de realizar unha reorganización nas aulas da Gardería Municipal co obxectivo de garantir unha praza para todas as familias que solicitaron acceso ao centro.

O alcalde, Eloy Pérez, reuniuse coa directora da gardería e cos proxenitores das crianzas que inicialmente quedaran fóra tras o proceso de baremación.

Na primeira reunión da comisión encargada de valorar as solicitudes, e aplicando os criterios establecidos pola normativa vixente, sete familias quedaran sen praza. Esta situación motivou que unha delas presentase un recurso formal, o que obrigou a convocar unha segunda xuntanza da comisión para revisar e resolver o caso.

Froito deste novo encontro, e coa clara vontade do Goberno local de atopar unha solución que garantise o acceso ao servizo para todas as familias interesadas, decidiuse modificar a distribución interna das aulas para poder acoller a todas as crianzas.

Esta solución foi posible grazas á colaboración entre a Dirección do centro e o Concello, así como á comprensión e disposición das familias afectadas, permitindo así garantir a igualdade de acceso ao servizo e favorecer a conciliación familiar.

Desde o Goberno municipal destacan o seu compromiso firme co apoio ás familias e coa prestación de servizos que faciliten a vida diaria da veciñanza. Agardan que a medida adoptada sexa satisfactoria para todas as partes implicadas.

⚙ Configurar cookies
0.17429995536804