Monterroso será a seguinte xornada viaxeira do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa
Despois do gran éxito das últimas xornadas viaxeiras, a novena xornada viaxeira “Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía” será en Monterroso. O alcalde Eloy Pérez, a técnico do GDR 4 e do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa Lucía Sánchez e Guido Álvarez,impulsor do proxecto Guido Guía anunciaron os primeiros detalles dun sábado 8 de xuño no que volverán a reunirse historia, cultura, natureza, gastronomía e música tradicional.
Este proxecto engloba a 10 concellos das comarcas de Lugo e as Terras da Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) nos que nos vindeiros meses irán facéndose xornadas de presentación do que é un proxecto a longo prazo para poñer en valor as riquezas do territorio, e ao mesmo tempo promover vínculos sociais e culturais tanto de proximidade como con visitantes de máis lonxe que se animen a participar.
A inscrición para esta actividade é gratuíta, e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal e do teléfono 982 238 000. Guido Álvarez Parga é un turismólogo, profesor e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios Lucenses doano 2020, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.