Montse Valcárcel denuncia o recorte nos postos de nutricionista en Atención Primaria

Montse Valcárcel, parlamentaria do BNG, reuniuse co colexio de nutricionistas e con profesionais do sector afectados polos recortes que o Sergas levará a cabo a partir do 28 de febreiro nos postos de nutricionista en Atención Primaria.
Na provincia de Lugo, o recorte será especialmente duro, xa que se reducirán de 15 a 6 os postos de nutricionistas, o que implicará que os profesionais teñan que desprazarse por toda a provincia, aumentando os custos e complicando o acceso aos servizos. Un exemplo sería o persoal que traballa en Lugo, que tamén terá que desprazarse a localidades como O Corgo ou A Fonsagrada.
Este recorte tamén suporá unha redución no número de días de consulta en cada centro de saúde, o que, segundo o BNG, levará a un aumento nas listas de espera e a un empeoramento na calidade asistencial.
Valcárcel, que advirte sobre a gravidade da situación, presentou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar á Xunta a restitución das 95 prazas de nutricionistas que foron reducidas a tan só 45 para todo o país.
A deputada nacionalista alertou de que instaurar e manter hábitos saudables é fundamental para alcanzar e conservar un bo estado de saúde.
A súa preocupación vén do feito de que, hai dous anos, o Sergas creou a categoría de nutricionista en Atención Primaria, un posto que ata entón non existía a ese nivel asistencial. Estes postos foron creados con fondos europeos, pero a partir do 28 de febreiro, os profesionais que os ocupan serán cesados, pasando de 94 postos en todo o país a 45.