Montserrat Valcárcel anuncia que o BNG presentará unha iniciativa para defender os estudos no Campus de Lugo
A Parlamentaria electa do BNG por Lugo, Montserrat Valcárcel, explicou que "unha vez constituído o Parlamento, o BNG presentará unha iniciativa para defender a singularidade das titulacións, estudos e investigacións a realizar no Campus de Lugo".
No DOG do 8 de febreiro de 2024 aparece, disposto pola Xunta de Galiza, a acreditación como Campus de especialización do Campus Auga da Universidade de Vigo en Ourense. Nesta Orde ditada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vese claramente "a intención de potenciar a oferta formativa deste Campus en torno á especialización agraria e alimentaría ata agora concedida ao Campus Terra da USC situado en Lugo".
"Resulta especialmente chamativo que no apartado de docencia exista unha duplicidade de titulacións que ata o de agora nunca fora permitida pola Xunta de Galicia" asegurou Valcárcel, e sinalou que "é unha decisión da Xunta de Galicia e demostra que o PP de Ourense ten moito máis poder que o de Lugo para levar as titulacións que estaban establecidas no Campus de Lugo".
Ademais, di que a renovación do mapa de titulacións do sistema universitario galego estaba en pausa "tal e como manifestou o propio Conselleiro e mesmo o Reitor da USC". Neste DOG dáse, por parte da Xunta, vía libre ao Campus de Ourense para albergar novos títulos de grao "que poderían entrar en conflito coas titulacións do Campus Terra situado en Lugo", denuncia.
Montserrat Valcárcel concluíu que "de cara ao establecemento de novas titulacións e estudos de diferentes graos é preciso contar recursos propios do Campus que non aparecen sinalados no DOG. Foron diferentes institucións e axentes, entre eles o propio PP, os que manifestaron a necesidade de que o Campus Universitario de Lugo contase, en exclusiva, cun carácter diferenciado e exclusivo dentro do sistema universitario galego".