Mozos e mozas de Outeiro de Rei realizaron prácticas laborais en empresas da contorna

LugoXa | TerraChaXa
Para completar o programa realizaron unha visita ao Polo de Emprendemento de Friol
practicas-academicas-en-empresas-outeiro-de-rei
Entrega de diplomas no Concello de Outeiro de Rei
27 Xul 2024

Do 15 ao 19 de xullo catorce mozos e mozas de Outeiro de Rei puideron aproximarse ao mundo laboral a través da realización de estadías en varias empresas do municipio de todo tipo, como Avifauna, unha carpintería metálica, un centro deportivo con cafetería e restaurante, nunha residencia de mascotas, nunha panadería, en traballos agrícolas e nun área de servizo

As prácticas realizadas durante cinco días en xornadas diarias de 4 horas representaron un primeiro contacto co mundo laboral, unha experiencia que foi moi valorada polos participantes e que lles permitiu coñecer o traballo diario na empresa escollida e colaborar realizando diferentes actividades. Como curiosidade, un dos rapaces participantes conseguiu un emprego durante este verán na empresa acolledora.

Para completar o programa realizaron unha visita ao Polo de Emprendemento de Friol onde ademais de facer un pequeno percorrido polas instalacións puideron escoitar as explicacións do persoal técnico sobre o traballo que realizan para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento ademais de adquirir unhas nocións básicas de emprendemento.

A xornada rematou no Concello de Outeiro de Rei onde o alcalde, José Pardo Lombao, mantivo un intercambio de impresións e fixo entrega dos diplomas acreditativos da participación no programa.

A décima edición desta iniciativa foi promovida e subvencionada polo Concello de Outeiro de Rei.

0.19937086105347