'Mudar a pel. Viaxes de ida e volta' estrearase este venres no Pazo de San Marcos
O venres 10 de decembro estréase no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a película “Mudar a pel. Viaxes de ida e volta”, que documenta as conclusións e reflexións xurdidas do encontro científico internacional organizado pola USC arredor das rutas xacobeas o pasado mes de xullo.
Esa reunión, na que participaron expertos en antropoloxía de distintos países europeos, adoptou un formato itinerante de xeito que, ademais de conferencias e mesas de traballo, as persoas participantes compartiron un percorrido por treitos do Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño Norte e Camiño Fisterra-Muxía, con parada en localidades como Friol, Guntín, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela, Padrón, Muxía e Fisterra.
O documental, dirixido por Jorge Moreno Andrés e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle esa peregrinación científica e achégase a temáticas como o patrimonio, as emocións ou a alimentación, desde a óptica da antropoloxía e coas rutas xacobeas como fío argumental.
A proxección será as 19.30 horas, con entrada libre. Para facilitar o control da asistencia e o cumprimento das normas de prevención fronte á Covid-19, recoméndase a inscrición previa no enderezo electrónico protocolo@deputacionlugo.org.