Muller e Igualdade de Lugo prepara unha nova edición do programa de prevención da violencia

LugoXa
No pasado curso houbo récord de participación, cunhas 2.000 alumnas e alumnos de Infantil, Primaria, Eso e FP, de 19 centros, que tomaron parte nas accións formativas
Imaxe recurso contra a violencia de xénero
13 sep 2024

O programa socioeducativo de prevención da violencia de xénero da área de Muller e Igualdade do Goberno local está a preparar unha nova edición do Programa Socio Educativo de Prevención da Violencia de Xénero, que coordinan desde o servizo de Igualdade do Concello de Lugo e a Casa da Muller. Será unha nova convocatoria coa que se espera superar o récord de participación do curso pasado, no que colaboraron 19 de 23 centros, entre eles todos os institutos públicos presentes, ademais de dous centros integrados de Formación Profesional e dez colexios. Polo de agora, a edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, sinala que “coincidindo co comezo do curso escolar, desde o Executivo de Paula Alvarellos estamos a poñernos en contacto con todos os centros públicos de ensinanza da cidade para a posta en marcha desta edición. Agardamos que sexan máis centros que o ano pasado os que se impliquen neste programa, e de feito estamos a contactar cos que quedan por integrarse neste plan, porque aínda que se avanzou, queda moito por facer e isto é unha carreira de fondo coa que o Goberno local está totalmente comprometido”.

Este plan socio educativo, explica Novo, “ten como finalidade achegar á poboación adolescente novas ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero e, de forma máis concreta, ante as diversas situacións de violencia machista e ante as súas consecuencias”. Polo tanto, os principais obxectivos deste plan non mudaron desde a súa posta en funcionamento, “pero si varían os contidos, os canais e os formatos, adaptándonos ás dinámicas e aos niveis educativos e sociais dos alumnos e alumnas”.

De feito, este proxecto vai dirixido a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e a FP, e pretende proporcionarlles ferramentas útiles e adaptadas a cada nivel en torno a educación en valores, fomento da intelixencia emocional e á construción dunha identidade non sexista. Unha das actividades que centra este programa é un obradoiro que se imparte en tres sesións nos que se abordan contidos deseñados a partir das conclusións obtidas nos cuestionarios previos on line que realizan as e os estudantes. Como o pasado curso, lembra Ángeles Novo, “o programa inclúe tamén unha asesoría en liña, a través de correo ou de whatsapp; unha asesoría presencial; a organización de xornadas dirixidas ao profesorado e ás familias que así o soliciten; e a instalación de puntos violetas itinerantes para detectar manifestacións sexistas”.

Así, este ano abordaranse aspectos que están á orde do día entre os destinatarios deste programa e nos que hai que incidir. Trátase, por exemplo dos estereotipos e roles de xénero, os micromachismos, as formas sutís de control e as relacións de parella tóxicas. Tamén se abordarán as desigualdades de xénero e por suposto as formas de violencia machista e a súa identificación, a violencia de xénero nas relacións afectivo-sexuais.

A identificación da violencia machista e as súas formas centrarán boa parte destes obradoiros, abordando tamén as relacións afectivas saudables, a ciberviolencia de xénero así como as relacións afectivas baseadas no control; a orientación sexual e a identidade de xénero.

Por último, trataranse outros temas relacionados con este tipo de comportamentos, entre os que figuran por exemplo a desmitificación dos mitos e prexuízos con que aínda se pretende xustificar a violencia de xénero; os mitos do amor romántico entre a xuventude e a resolución de conflitos.

Temas a tratar

Respecto a algúns destes temas, a edil de Igualdade chama a atención sobre “algunhas conclusións obtidas nos cuestionarios on line que se fan previamente ao desenvolvemento deste programa, e cuxos resultados serven para deseñar e optar por uns ou outros contidos, sabendo en que tipo de temas debemos incidir”.

Neste senso, chaman a atención algúns dos resultados das enquisas previas realizadas, como a pregunta que analiza o grao de aceptación social e o control nas relacións sexo-afectivas, un control que unha porcentaxe significativa do alumnado segue a lexitimar e incluso a normalizar. Así, máis do 52 por cento dos mozos e o 44 por cento das mozas pensan que é normal compartilo todo e non ter secretos, e máis do 31 por cento das e dos estudantes tamén normalizan “saber todos os horarios da parella”.

Os estereotipos sexistas tamén son analizados polo alumnado, e no citado cuestionario se tratou sobre os factores que inflúen na parella e os roles de xénero, e a importancia que as mozas lle dan á figura de protección e seguridade na parella, con máis dun 97 por cento que considérano moi importante.

A edil Ángeles Novo tamén fala doutros resultados que demostran que “se está a avanzar no eido da igualdade e na loita contra a violencia machista, como o feito de unha porcentaxe moi ampla de alumnas e alumnas non tolere a violencia no ámbito das relacións e demostre un forte rexeitamento pola violencia de xénero. Porén, hai uns poucos que aínda a lexitiman, polo que é necesario incidir con actividades e charlas que axuden a identificar este tipo de comportamentos nocivos, para que non se exerzan nin se toleren”.

Ademais, a concelleira de Igualdade tamén chama a atención sobre a “necesidade de dar visibilidade aos diferentes tipos de violencias machistas e sexuais, posto que en canto a vivencias deste tipo, as enquisas demostran que a gran maioría das mozas aseguran telas sufridas nalgunha ocasión”. Tamén se promoverá a tolerancia da diversidade fronte aos prexuízos, o bullying e a discriminación. “Da enquisa realizada despréndese que hai un maior grao de aceptación da diversidade entre as mozas, polo que é necesario seguir a traballar para evitar este tipo de violencias LGTBIfóbicas”.

0.18720984458923