Mulleres con historia en Pol
No ano 1999 Pol acolleu a formación dunha das asociacións da vila con máis continuidade, a de Mulleres Rurais Olvido, un colectivo no que a presenza feminina é obrigada, de feito na actualidade conta con arredor de 90 socias que participan, en maior ou menor medida, nas actividades que organizan.
Unha das primeiras cuestións que chama a atención é o nome da asociación, que ten unha xustificación histórica non exenta de ironía. Aseguran no colectivo que cando se ía formar a asociación, unha das directivas olvidouse de ir á reunión, o que fixo gracia ás demais, que quixeron facer unha broma poñéndolle ese nome á asociación recén formada. Hoxe en día esa socia aínda está na directiva.
A función principal das Mulleres Rurais Olvido é a realización de cursos, obradoiros e outras actividades de ocio dirixidas ás mulleres de Pol.
De feito, tralo parón polo covid retomaron este outono as súas actividades. Así, imparten nesta ocasión ioga, bolillos, pilates e restauración de mobles además de clases de piscina e aguagym. A Caseta da Carballeira é un dos lugares habituais dos cursos, que se desenvolven durante as tardes de luns a venres.
Tamén hai clases na biblioteca ou no local social de Mosteiro e a de piscina faise na Pastoriza. Agora, por cuestións de aforos, os cursos están limitados a dez persoas, “fáisenos algo máis complicado, pero o importante é seguir facendo cousas”, explica Mercedes Lopez Dorado, presidenta da asociación.
Pero ademais destas actividades diarias, o colectivo tiña por costume organizar a Cabalgata de Reis e As Letras Galegas, celebracións suspendidas durante este tempo de covid pero que estudan retomar durante os próximos días. Sempre foron realizadas en común acordo co Concello de Pol, pero debido ao seu carácter gastronómico, valoran se volver celebrar estes eventos, “sobre todo agora que a situación empeora”, explica Mercedes.
Outras das actividades que retomaron son as viaxes. Fixeron dúas recentemente, unha organizada pola Deputación dentro do programa Coñece a túa provincia, na que visitaron os Ancares, e outra invitadas pola Deputación da Coruña para facer unha pequena ruta no veleiro Joaquín Vieta para 12 persoas.
Pero, como afirman, se a situación non empeora retomarán na primavera as viaxes, que era unha das actividades que máis participación tiña.
A asociación de Mulleres Rurais Olvido de Pol conta actualmente con 90 socias, a maior parte delas na segunda xuventude, pero recentemente veñen de ampliar as súas filas con sangre nova coa que tamén estudan novas actividades.
Nestes días celebran tamén a súa asemblea xeral para renovar a directiva en Mosteiro, unha cita anual que se convirte tamén nunha celebración. Un total de dez persoas forman parte da dirección do colectivo, liderada por Mercedes Lopez Dorado, xunto á que están Rosa María Pérez Barja de vicepresidenta, Elsa Carballés como secretaria e de tesoureira Vera López Rivas.
Formar parte da asociación polense é sinxelo. De feito só hai que inscribirse e pagar unha cota anual de 12 euros pero como o ano pasado non se fixo nada, decidiron prorrogar un ano máis polo que este ano non se cobra.
O colectivo conta co respaldo do Concello, que é o que aporta os locais para poder organizar os cursos “ademais de prestarnos a axuda que necesitamos”, indica Mercedes.