Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo entregou os Premios Son Muller 2023

LugoXa
A presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, Anjhara Gómez Rodríguez, entregou na noite do venres no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) os premios Son Muller 2023 organizados por AELU.
16 Dec 2023

A presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, Anjhara Gómez Rodríguez, entregou na noite do venres no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) os premios Son Muller 2023 organizados por AELU. Estes galardóns que celebran a sexta edición, recoñecen a actividade empresarial de mulleres da provincia ao mesmo tempo que fomentan a súa participación no entorno económico e social de Lugo.

Anjhara Gómez felicitou a todas as participantes “pois presentaron proxectos innovadores, apaixonante e creativos o que demostran a implicación social e cultural e unha gran capacidade de adaptación á realidade económica que “nos inspiran a todas”.

Os premios

Son Muller recoñecen o traballo da muller emprendedora, a muller empresaria e a muller empresaria rural. Con esta iniciativa dámoslles visibilidade porque entendemos o papel fundamental que xogan no desenvolvemento económico do territorio”.

Na sexta edición dos Premios Son Muller cos que colaboran a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e Abanca recibíronse preto de 30 candidaturas.

Nesta gala na que tamén participaron autoridades da provincia e empresarias lucenses, repartíronse un total de 4.500 euros en premios e xogos de Matrioskiñas galegas deseñados especialmente para este certame por artesáns lucenses. Ademais todas as finalistas recibiron un galardón pola súa participación. As empresarias premiadas foron:

Categoría Son Emprendedora
- 1º Premio: Educohabitar
- 2º Premio: Máisqueteatro
- 3º finalista: Bebé Ratón
- 4º finalista: Super Intención Pro
- 5º finalista: Raquel Hermida

Categoría Son Empresaria
- 1º Premio: FAW Books
- 2º Premio: Las Calas
- 3º finalista: Craft & Tea
- 4º finalista: Núñez-Torrón Asesores
- 5º finalista: Barbudos Peluquería Canina

Categoría Son Empresaria Rural
- 1º Premio: Esencia Viva
- 2º Premio: María Folgueira
- 3º finalista: Asesoría Mel
- 4º finalista: Tres Fuciños
- 5º finalista: Raquel Cuadrado

Recoñecemento especial

Durante a Gala dos Premios Son Muller a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo realizou un recoñecemento especial a Beatriz Varela Regueira (Asín Formación) e distinguiu a súa longa traxectoria empresarial e profesional como muller referente no ámbito do emprendemento da provincia de Lugo.

DEPUTACIÓN

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou na gala de entrega dos sextos premios Son Muller, onde explicou que “os premios Son Muller van máis alá de destacar un éxito ou unha traxectoria empresarial. Estes son uns premios que poñen en valor o paso que damos cada unha de nós por avanzar cara unha sociedade máis xusta”.

Destacou que “o emprendemento feminino é un pilar fundamental neste proceso de cambio que estamos a vivir. Porque cada negocio creado por unha muller non só contribúe a economía, tamén xoga un papel clave na demolición de barreiras de xénero que aínda, en pleno século XXI, existen no noso camiño”.

Puxo en valor uns galardóns, que “con apenas seis anos, son xa unha referencia na provincia a base de recoñecer que as mulleres de Lugo somos líderes poderosas e fonte de inspiración en todos os ámbitos da vida empresarial”, e sinalou a importancia de “fomentar un ambiente no que as mulleres se sintan empoderadas, capaces de perseguir as súas metas e facer oír as súas voces. Un camiño no que a Deputación terá sempre a man tendida”.

A Deputación colabora economicamente con AELU para sacar adiante este certame, que dota os premios Son Muller con 1.000 euros en metálico á gañadora e o segundo, en 500 euros. En ámbolos dous casos, as galardoadas obteñen un ano de cota gratuíta como asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.

0.054918050765991