Muralla Rugby: “Queremos que o noso torneo Arde Lucus sexa unha referencia no norte de España”

LugoXa
Dez equipos reuniranse en Lugo o vindeiro 8 de xuño para participar no campionato organizado polo equipo, que naceu da fusión do Xabarín e o Euita e suma unhas 150 licenzas
muralla_rugby
O Muralla nun encontro da Copa Xunta
25 May 2024

Por Lucía Blanco

O Xabarín, que militou no segundo escalafón do rugby español, e o Euita prenderon a chama do rugby na cidade nos anos 80. Da fusión destes dous grandes referentes do deporte na comunidade xurdiu o Muralla, club que segue a poñer en valor esta práctica e suma xa unhas 150 licenzas. Precisamente na súa teima de levar ao máis alto esta modalidade organizan o primeiro torneo de rugby 7 Arde Lucus o 8 de xuño co obxectivo de convertelo nunha cita “referente en Galicia e, como mínimo, no norte de España”, contan dende o club.

A modalidade máis coñecida é a de 15 xogadores, por que deciden apostar polo rugby 7?

Dende fai uns anos fíxose olímpico. Colleu máis fama e en todos os países e federacións están apostando por el e tamén había bastantes rapazas galegas, unha delas Vanesa Rial, que foron ás Olimpíadas. Comezaron os nosos compañeiros, Os Ingleses de Vilagarcía, cun torneo e falouse con outros equipos de que se podía facer como un circuíto M14, M16 e M18. Nós decantámonos polo M16 porque en xuño tamén é complicado xuntar aos M18 pola ABAU.

Esta primeira edición é próxima a unha data importante para a cidade.

Queríamos poñelo nunha data significativa para Lugo. No San Froilán xa estamos no outono e empeza a liga e, como o rugby 7 sempre queda para os veráns porque é 7 contra 7 e xógase en campos grandes, decidimos organizalo a fin de semana antes do Arde Lucus. Participan 10 equipos —Selección Galega, Selección Valenciana, Muralla, Braga, Coreti Lalín, Ingleses Vilagarcía, Ferrol, Crat Coruña, Kaleido Vigo e Santiago/Zalaeta—  porque só temos un campo.

Pretenden convertelo nun torneo habitual?

Por suposto. Como é unha competición oficial, porque vai por medio da Federación Galega, coa colaboración do Concello e a Deputación, a idea é instaurala para sempre. Este vai ser o primeiro ano e as primeiras edicións sempre funcionan un pouco como proba. Pero estamos acostumado a organizar citas deste tipo, porque por exemplo tivemos a Copa Xunta, que aglutina xénero masculino, xénero feminino, M18, M16 e M14, e xa nos serviu de preparación para corrixir algún erro.

Cal é a filosofía do Muralla?

Poñer en valor o deporte; explicar os seus valores que sempre son o respecto, o traballo en equipo e a diversión e darlle un empurrón á canteira con este torneo e coa Copa Xunta para que os nenos e nenas de Lugo se animen polo menos a probar e vexan que non é nada estereotipado, nin bruto, nin violento como se di.

Precisamente, moitas veces pénsase que se trata dun deporte violento, pero o regulamento recolle todo o contrario.

Todos os anos cambia algunha norma e todo vai dirixido á seguridade dos xogadores. A lei primeira é o respecto ao rival, aos árbitros, ao público e aos adestradores. E tamén é moi significativo que aos árbitros non se lles protesta, os xogadores diríxense a el como señor e el trátaos de vostede con independencia da ideade e só lle pode falar o capitán con pelota morta (balón parado) se ten unha dúbida importante.

Que obxectivos teñen en canto ao número de xogadores?
Agora temos sobre 150 licenzas. Pero o noso obxectivo é chegar nun par de anos ás 250-300 licenzas para volver a poñer o rugby de Lugo a como estaba nos seus principios, por exemplo co Xabarín, que foi un equipo moi potente que estivo na división de honra.

Lugo é unha cidade moi deportiva, pode a variedade de prácticas xogar en contra dunha disciplina non de todo recoñecida?

Non son escusas. Porque, por exemplo, está Pontevedra, que ten 15.000 habitantes menos ca Lugo, con Vigo ao lado e Vilagarcía, e todas teñen equipo de rugby e tamén contan co Centro de Tecnificación. Un dos equipos ten todas as categorías e outro ten todas menos feminino. Entón hai que empezar a darlle valor e nós estamos traballando niso con citas como a Copa Xunta e o Torneo Arde Lucus que a entrada é gratuíta e pode vir quen queira a desfrutar.

Que lle diría a un cativo para que lle de unha oportunidade a este deporte?

Diríalle que primeiro veña probar, porque as regras e a situación adáptanse a calquera idade. Non se empeza con contacto desde pequenos. Empézase con xogos, practícase rugby cinta e xógase ao pano como se facía antes no colexio. Vai adecuado á idade e hai diferenza entre formación e promoción e nun principio non hai contacto e se es novo, dá igual a idade que teñas, non se mete contacto ata que non esteas seguro.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14698505401611