Música e arte ao vivo no festival Nos seus pés de Lugo, no que se xuntaron os mellores cociñeiros galegos
O xardín do Pazo de San Marcos acolleu o festival solidario Nos seus pés, organizado polo cociñeiro lucense Álvaro Villasante e o grupo Nove coa colaboración da Vicepesidencia da Deputación de Lugo. Una cita gastronómica e cultural, que mesturou receitas dalgunhas das mellores cociñeiras e cociñeiros galegos, con música e arte ao vivo, co obxectivo de recoller fondos para a oenegué ProemAID, centrada no rescate e na atención a persoas en risco no mar.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro que se sumaron ao evento, xunto a concelleira de Participación do Concello de Lugo Cristina López, valoraron “esta iniciativa que mostra a cara máis solidaria da sociedade, e especialmente de chefs e artistas que colaboran no evento, pero que tamén constata que os estados europeos están descargando nas oenegués ou eludindo a obriga de atender as persoas en risco no mar, migrantes e persoas refuxiadas obrigadas a deixaren os seus países por motivos económicos ou políticos ou por guerras”
Tapas, música e arte ao vivo
O evento contou coa presenza de once chefs que elaboraron distintos pratos entre os que se atopaban arroces, carnes, peixes e tamén sobremesas. Entre os chefs invitados estaban os lucenses Alejandro Méndez (Os Cachivaches), que elaborou Arroceros os cachivaches; Álvaro Villasante (Paprica), co seu iogur, framboesas e rosas; Héctor López (Restaurante España) cun Ravioli de rabo de vaca, parmentier e trufa, e Pablo Vila (Oca Hoteles), que preparou o prato Níspero, chocolate e queixo fresco.
Ademais tamén participaron Daniel Guzmán (Restaurante Nova) realizou unha ensalada de pataca, Iñaki Bretal (Eirado da Leña), co seu Alistado, lima e limón; Javier Olleros (Culler de Pau) preparou Xema de ovo curada con crema de afumados e pan, Juan M. Crujeiras (Bido) cociñou Porro confeitado, pil pil e polo asado, Lucía Freitas (A Tafona) preparou un clásico da cociña como a Tarta de queixo da avoa, María Varela (A parada das bestas) optou por Trigueros e pesto da Ulloa e, por último, Xosé Magalhaes (Ceibe) recorreu a outro clásico da gastronomía galega como é a sopa de peixe e marisco.
Os artistas Isabel Somoza, Lomarti, Iago Eireos e A Balbona realizaron unha creación artística conxunta en directo cuxo resultado foi posto á venda. Ademais, dende o comezo do acto contou con música en directo de Djs, para posteriormente dar paso a Eris Mackenzie, Nebra e Conducto Coloquio, que foron os encargados de despedir a cita.