Música en palabras
Por Rebeca Maseda
O teatro, que será esa maxia indescritible que o rodea? Esa forza que transcende o escenario? Imaxino que non sempre se produce ese efecto tan especial, ese “non-sei-que” que non se pode explicar, pero que, cando ocorre, é un bálsamo para a alma.
Hai unhas semanas asistín a unha conferencia sobre María Casares no Museo de Belas Artes da Coruña con motivo da celebración do centenario do nacemento da actriz. Durante a conferencia proxectouse un fragmento dunha gravación teatral onde participaba Casares. A obra en cuestión era “Yerma”, do gran Federico García Lorca; peza enmarcada dentro da chamada “triloxía lorquiana” xunto a “Bodas de Sangre” e “La casa de Bernarda Alba”. Dende o primeiro segundo desa gravación, sentín esa maxia estraña... Non podía parar de mirar a figura de María, esa muller dun metro sesenta que cando sae a escena transfórmase nunha deusa, nunha auténtica forza da natureza que imprime un selo único e persoal a cada palabra, a cada frase. Casares e Lorca, un binomio dramático perfecto.
Pero, quen é esa muller da Coruña? Esa marabillosa actriz que namorou a espectadores de Francia e medio mundo? Triunfou no cinema e no teatro, tivo relacións con Albert Camus, quitou papeis a Marlene Dietrich e está considerada un “monstro sacro” no país veciño. Con todo, case 25 anos despois da súa morte, a súa figura aínda non é de todo reivindicada en España.
Cando en 1981 María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, Francia, 1996) se presentou en España para falar das súas memorias, o público nacional non tiña nin idea de que aquela muller madura de melena desaliñada e trazos de aguia, á que vagamente vinculaban cun político exiliado, era en Francia unha lenda viva do cinema e o teatro. Para empezar, resultaba impensable que unha gran actriz puidera expresarse con aquel fermosísimo acento galego que conservara intacto ao longo de medio século como quen garda un tesouro da súa infancia, que é o que realmente era...
Precisamente naquel libro de memorias, titulado “Residente privilegiada”, dedicaba á súa Galicia natal o espazo que merecía: falaba dunha infancia idílica entre A Coruña e Montrove, onde a familia alugaba o palacete “Villa Galicia” para pasar os veráns. A súa nai, Gloria Pérez Corrales, proviña dunha familia modesta, mentres que o seu pai, Santiago Casares Quiroga, lucía un lustroso “pedigree” político progresista. Coa chegada da Segunda República, Casares Quiroga foi requirido para diversas carteiras no novo goberno e a familia trasladouse a Madrid, o que supuxo o primeiro trauma na vida da nena Vitola (así chamaba o seu pai a María Vitoria Casares). Aínda que grazas á súa estadía madrileña, puido coñecer a xente como Azaña, Largo Caballero, Lorca e Valle-Inclán, un legado que debeu compensala sen lugar a dúbida.
O seu segundo trauma non tardaría en chegar. Cando a facción militar sublevada deu o golpe de estado que desencadeou a Guerra Civil española, o seu pai estaba á fronte do goberno republicano, así que tiveron que exiliarse a Francia. Só Esther, filla natural de Santiago Casares, permaneceu na Coruña, refén dos nacionais. María, seica interesada en facer valer a súa “españolidade”, atribuía moitos dos seus logros vitais a un “donjuanismo” que compartía co seu pai. Esa pulsión sedutora que lle levaba a conquistar aos seus amigos, aos directores e autores teatrais, ao público do seu novo país, á propia lingua francesa. Cando chegou a París, María Casares tiña xa catorce anos e apenas sabía falala. Antes dos vinte estaba a facer primeiros papeis nos escenarios franceses e pola súa dicción ninguén diría que non nacese na Touraine! De feito en 1942, convertíase en protagonista absoluta nunha montaxe dirixida por Marcel Herrand de “Deirdre of the Sorrows”, traxedia mitolóxica do irlandés John M. Synge pola que recibiu críticas entusiastas. Herrand quixo entón montar con ela “O Malentendido”, do escritor existencialista e futuro premio Nobel, Albert Camus.
Na pantalla debutou ao grande en 1944. Xunto co seu descubridor nos escenarios, Marcel Herrand, foi recrutada polo director de cinema Marcel Carné para o elenco de “Les enfants du Paradis”, superprodución escrita por Jacques Prévert que pola súa excelencia artística, importancia histórica, duración desmesurada e tormentosa rodaxe (foi a última cinta nacional realizada baixo a ocupación nazi, e sufriu todas as restricións propias do momento) describiuse como un “Lo que el viento se llevó” francés. Inmediatamente despois traballou noutra película mítica, “Las damas del Bois de Boulogne”, a segunda longametraxe dun dos mellores directores da historia do cinema, Robert Bresson. Ademais, obtería outros dous éxitos cinematográficos: unha adaptación de “La cartuja de Parma” de Stendhal e o “Orfeo” de Cocteau, onde volveu despregar o seu magnetismo convertida nada menos que na Morte.
A pesar daqueles inicios, e cunhas poucas excepcións, non se prodigou no cinema e a cambio preferiu centrarse no teatro. Alí o público reclamábaa con avidez e a crítica adorábaa. Interpretou todos os grandes papeis do teatro galo, do grego e do internacional. Gañou o premio Molière por encarnar a Hécuba. Fixo a Genet con Patrice Chéreau e danzou para Maurice Béjart, que dixo dela que facía o amor en escena.
Si, unha ARTISTA con maiúsculas.