Música, teatro e narración oral en Lugo coa nova edición do Tarde e Tardiña
Lugo inaugura a programación cultural para as tardes do verán cunha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar Tarde e Tardiña. "Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugo durante as tardes dos xoves", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18.00 horas na praza Anxo Fernández Gómez".
Tarde e Tardiña comezará o xoves 4 de xullo, e será a edición máis internacional deste ciclo desde o seu inicio no ano 2019, traendo a Lugo un espectáculo desde Arxentina. Maite Ferreiro destacou que "con iniciativas como esta desde a área de Cultura consolidamos unha programación cultural estable durante todo o ano, dando opcións ás familias durante as tardes do verán".
O día 4 chega Rojo estándar de La Nordika. Sensible e tenro, descarado e alegre, deixa pegada na retina, na memoria e no corazón. Esta unión entre o circo e a danza conseguiu o recoñecemento e goce de miles de persoas de todas as idades, na súa extensa xira por festivais e programacións de tempada, en España e Europa.
O 11 é a quenda de Shh..! de A tope. Esta compañía Arxentina trae un espectáculo que combina a actuación coas acrobacias máis asombrosas para divertir e sorprender á xente máis moza e á máis maior. O día 18 poderase desfrutar de Hoxe si de Marta Sempre Arriba. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea, e sobre todo moito humor. E o 1 de agosto programan O rompe récords de Abraham Arzate. 50 minutos de alta enerxía e comedia orixinal da man dun dos mellores clowns internacionais, o mexicano Abraham Arzate..