A Deputación achegará máis de 114.000 euros para colaborar co Concello da Fonsagrada

LugoXa
Ademais, aprobouse unha colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia (AELU) por un importe de 35.000 euros para financiar o programa formativo Ninfas
Pilar-Porto-Deputacion-2023
31 Out 2024

A Deputación de Lugo vén de aprobar un investimento de máis de 400.000 euros para mellorar diferentes infraestruturas dos concellos de Ourol, Burela e A Fonsagrada. Así o avanzou a voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión ordinaria do Executivo provincial, que se decidiu adiantar con motivo de que mañá venres celébrase a festividade de Todos os Santos.

Na Fonsagrada, a Deputación achegará máis de 114.000 euros para colaborar co Concello en tres actuacións importantes para as comunicacións do municipio. Concretamente, este investimento servirá para mellorar diferentes estradas e accesos na parroquia de San Pedro de Río, situada ao sur do concello, no límite con Baleira.

Consistirán no acondicionamento da vía que une Ferreiros e San Pedro de Río e do camiño de acceso a Escouride; na mellora do acceso a Buisán; e na rexeneración do firme no núcleo de San Pedro de Río. Explicou a Deputada que “as estradas son fundamentais para o equilibrio territorial, por iso este tipo de colaboracións cos concellos son tan importantes.

Ademais, aprobouse unha colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias da provincia (AELU) por un importe de 35.000 euros para financiar o programa formativo Ninfas, destinado ás emprendedoras. “Unha iniciativa que pretende, por unha parte aumentar o rendemento das empresas dirixidas por mulleres, dinamizando o tecido empresarial da provincia; e por outra, loitar contra o despoboamento nas zonas do rural a través de accións formativas e de reciclaxe dirixidas ás emprendedoras”, detallou a voceira socialista.

Mediante este programa, AELU prevé impartir obradoiros formativos diversos de 2 ou 3 horas a unhas 340 mulleres da provincia. O investimento da Deputación estará destinado, entre outras cuestións, á contratación de dúas persoas, unha encargada de coordinar a actividade, e outra experta en redes sociais e informática para impartir as formacións.

Plan de xestión do arborado

Tamén saíu adiante un plan de xestión do arborado de San Marcos, do Museo Provincial e do Fogar de Santa María para o exercicio do 2025 por importe de preto de 18.000 euros.

“O principal obxectivo deste documento é valorar o estado no que se encontran os preto de 50 exemplares existentes nestes espazos e os seus riscos asociados, coa finalidade de establecer as medidas máis axeitadas de cara a súa xestión”, argumentou Pilar García Porto, quen engadiu que para a toma de decisións seguiranse criterios de seguridade para os viandantes, previvencia dos exemplares e coñecemento das condicións vitais.

Detallou que no caso do Pazo de San Marcos hai 16 árbores de porte medio alto, a excepción dun camelio e dun castiñeiro e que os magnolios e as coníferas son árbores vetustas, que precisan de coidados, podas e instalación de ancoraxes para manterse en bo estado. Segundo os técnicos, no que ten que ver co Museo provincial, é recomendable sacar dúas das 13 árbores que hai neste espazo: un chopo e unha nogueira.

E no caso do Fogar de Santa María, outras dúas das 16 existentes: unha nogueira e un ciprés. Tarefas que, tal e como avanzou a deputada, se realizarán este inverno.

0.1109311580658