Nace a campaña 'De Lugo Lugo' da man de Lugo Monumental
Lugo Monumental quere converter un dito popular no lema do comercio local. “De Lugo Lugo” é unha das peculiares formas dos lucenses de identificar a quen é da cidade e, por extensión, a todo aquilo que é puramente local.
Precisamente con esa intención nace a campaña “De Lugo Lugo” que quere, dentro da súa sinxeleza, concienciar ao público da importancia de facer as súas compras no comercio local para, así, ter postos de traballo en Lugo, para impostos en Lugo e xerar riqueza en Lugo, o que revirte no conxunto da sociedade.
Nunha época tan crítica para o comercio como é a semana do “Black Friday”, previa á máis importante das campañas do ano, a de Nadal, Lugo Monumental pretende a concienciación que dende a pandemia que aínda vivimos se xerou.
Os cidadáns viron as rúas sen locais, sen tendas nin bares, sen comercio nin vida... e non queren que os retos aos que se enfrenta o comercio tradicional, sendo o máis duro de todos os da competencia do comercio dixital, fagan que aquel suceso extraordinario se converta no seu futuro.
90.000 adhesivos
Editáronse 90.000 adhesivos que os establecementos empregarán en paquetería, correo ou da forma que consideren oportuna para dar a coñecer esta campaña. Tanto na hostalaría coma no comercio ou servizos que quixeron participar nesta iniciativa.