Nace a Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa

LugoXa
O obxectivo do novo colectivo é reforzar a representación veciñal en toda a provincia, con especial énfase no ámbito rural
Federación-de-Veciños-Lugo-Rural-Importa
28 Feb 2025

Nace un novo colectivo social en Lugo, a Federación de Asociacións de Veciños Lugo Rural Importa, unha entidade que xorde co obxectivo de reforzar a representación veciñal en toda a provincia, con especial énfase no ámbito rural.

A federación nace co compromiso de promover a transparencia, a participación cidadá e a defensa dos dereitos dos veciños, sen intereses partidistas nin condicionantes externos.

A Federación Lugo Rural Importa está inicialmente integrada por catro asociacións veciñais da cidade, as cales decidiron unir forzas para mellorar a súa capacidade de acción e representatividade.

Do mesmo xeito, estas asociacións conforman a primeira Xunta Directiva, que se expandirá á medida que se sumen novas entidades.

As asociacións fundadoras e os seus respectivos representantes son a Asociación Carpe Diem-Lugo, cuxa representante é Cecilia Vázquez García, que asume o cargo de presidenta da federación; pola súa parte, tamén está a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Xuntos por Lugo, representada por Antonio Abuín Barreiro, quen ocupa o cargo de vicepresidente. Ademais, forma parte a Asociación Cultural, de Veciños e Comerciantes do Barrio de San Antonio de Padua, cuxo representante é Fernando Mallo Fernández, que desempeña a función de secretario; e, finalmente, a Asociación Barrio de Paradai, representada por D. Miguel Couto Alonso, quen exerce como tesoureiro.

"Estas asociacións, que contan con máis de 1.500 asociados en conxunto, traballaron de maneira independente nas súas respectivas comunidades. Non obstante, diante da necesidade de contar cunha voz máis forte e unificada, decidiron constituírse nunha federación que amplifique o seu impacto e mellore a interlocución coas administracións e outras entidades", sosteñen desde a Federación.

Un dos principios fundamentais da federación é a súa total independencia de calquera opción política, co obxectivo de representar e defender os intereses dos veciños e veciñas de Lugo de maneira transparente, dialogante e firme.

Necesidades e obxectivos

O nacemento de Lugo Rural Importa responde á "necesidade de revitalizar o movemento veciñal en toda a provincia", explican.

Así, as principais razóns que motivaron a súa creación son a falta de espazos reais de participación veciñal na toma de decisións, a necesidade dunha maior transparencia na xestión das entidades locais e nos órganos de representación cidadá, a ausencia de interlocución directa entre os veciños e as administracións públicas, o que dificulta a atención oportuna ás demandas cidadás; e a urxencia de outorgar maior protagonismo ás asociacións das zonas rurais, que adoitan quedar relegadas nas políticas municipais e provinciais.

Tendo en conta estas necesidades, os obxectivos a conseguir son tres: defender os dereitos veciñais, a través do fomento da participación activa dos cidadáns na toma de decisións municipais e provinciais, esixindo maior transparencia na xestión pública e nos orzamentos destinados a melloras en barrios e parroquias e loitando contra o abandono institucional en moitas zonas da provincia que precisan atención urxente; así como tamén teñen como fin a mellora de servizos e infraestruturas, traballando por un transporte público accesible e eficiente que conecte de maneira realista as zonas rurais e urbanas, impulsando melloras en infraestruturas básicas como saneamento, alumado público, asfaltado e mobiliario urbano; esixindo melloras en seguridade cidadá mediante unha maior presenza de corpos de seguridade nas zonas con maiores necesidades e promovendo a conectividade dixital no ámbito rural para reducir a brecha dixital. Como último obxectivo, propoñen o fomento da participación cidadá, a través de asembleas veciñais abertas para que calquera cidadán poida expresar as súas inquedanzas e propostas, mesas de traballo coas administracións públicas para trasladar de maneira directa as necesidades veciñais e fomentando a creación de novas asociacións veciñais e o reforzo das xa existentes para garantir que ningún colectivo, barrio ou parroquia quede sen representación.

Chamada á unidade e mensaxe final

Coa presentación oficial de "Lugo Rural Importa", déase un paso fundamental na representación veciñal en Lugo. A federación nace cun propósito claro: representar e defender os intereses dos veciños con independencia, transparencia e compromiso real.

A súa vocación é actuar como un puente entre a cidadanía e as administracións, asegurando que as decisións que afectan a barrios e parroquias se tomen coa participación activa de quen viven nelas.

Neste sentido, a federación fai un chamamento a todas as asociacións veciñais da provincia para que se sumen ao proxecto. "Cantos máis sexamos, máis forza teremos para construír un Lugo mellor", afirman desde a organización.

As portas de Lugo Rural Importa están abertas para todas aquelas asociacións que desexen unirse a esta iniciativa, que busca traballar pola defensa dos dereitos dos veciños e a mellora da calidade de vida en toda a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.13033604621887