Nace a Fundación Terras de Pol, declarada de interese galego

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de declarar de interese galego a Fundación Terras de Pol e ordenou a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
A Fundación Terras de Pol foi promovida polo Concello de Pol e formalizada mediante escritura pública o 24 de xullo de 2024. O alcalde presidente, Lino Rodríguez Ónega, presentou a solicitude de inscrición o 1 de agosto do mesmo ano. Trala revisión do expediente e o cumprimento dos requisitos legais, a entidade obtivo o recoñecemento oficial como fundación de interese galego.
A Fundación Terras de Pol nace coa finalidade de impulsar o desenvolvemento rural e territorial do municipio e da súa contorna, promovendo iniciativas en distintos ámbitos. Unha das primeiras é o aproveitamento de terras en desuso co acondicionamento e posta en valor de terreos abandonados ou infrautilizados para a produción agrícola e gandeira, incluíndo prácticas ecolóxicas.
Tamén se busca unha integración social e servizos sociais co deseño e execución de programas dirixidos á mocidade, á terceira idade e a colectivos desfavorecidos, garantindo prestacións sociais e fomentando a inclusión.
A promoción do deporte é outro dous seus fins co fomento da práctica deportiva entre toda a poboación, con especial atención ás disciplinas de fútbol e baloncesto, así como ao deporte adaptado para persoas con discapacidade. Ademais, apoiarase a formación e cualificación profesional no ámbito deportivo.
Complétase co impulso da cultura coa organización e apoio a eventos culturais en Pol, con especial énfase na conservación e difusión da cultura e tradicións locais, colaborando con asociacións veciñais; e a protección do medio ambiente coa promoción de proxectos vinculados ás enerxías renovables e á sustentabilidade ambiental.
Finalmente subliña unha mellora da xestión municipal co apoio ao Concello de Pol na análise e execución de novas estratexias para a prestación de servizos públicos; ou a creación, mantemento e xestión de instalacións e servizos que contribúan aos fins fundacionais, incluíndo a adquisición ou cesión de bens. Neste último caso englobaríase a compra do supermercado, unha acción que se levou a cabo xa que cando este anunciou o peche a localidade quedou sen ningún. Tamén o Concello tramitará baixo esta Fundación a recuperación da fábrica de embutidos Monciro e a área deportiva.
A clasificación da Fundación como entidade mixta, debido á diversidade dos seus fins, foi aprobada pola Comisión de secretarios xerais técnicos das consellerías da Xunta de Galicia. A súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego permite á entidade operar con respaldo institucional e acceder a posibles colaboracións públicas.
Coa súa incorporación ao marco legal galego, a Fundación Terras de Pol queda sometida á normativa vixente en materia de fundacións e estará baixo o protectorado da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Entre as súas obrigas destaca a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación, así como a garantía de transparencia na xestión dos seus recursos.
Esta resolución supón un paso fundamental para o desenvolvemento das actividades da Fundación, que busca dinamizar o territorio de Pol a través de iniciativas sostibles e beneficiosas para a súa poboación.