Nace Asociación Cosmética Galega que terá a súa sede no lugar de Cumbraos, Monterroso
ACG, presidida pola farmacéutica Ariana Fernández Palomo, apoiará o desenvolvemento, regulación e expansión da cosmética de Galicia.
Nace Asociación Cosmética Galega, impulsada por 22 compañías con sede en Galicia que se dedican ao deseño e creación de produtos de coidado persoal e que terá a súa sede no lugar de Cumbraos do Concello de Monterroso, onde está ubicado o proxecto Cosmética Muuhlloa.
22 compañías galegas vinculadas ao deseño e a creación de produtos de coidado persoal, que utilizan principalmente ingredientes derivados da natureza de Galicia, decidiron impulsar a creación desta nova asociación co obxectivo de “axuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos”.
A nova asociación, cuxa constitución tivo lugar o pasado luns 4 de marzo no BioPolo da Sionlla, en Santiago de Compostela, agrupa a firmas galegas “con obxectivos, necesidades e dificultades comúns”.
Asociación Cosmética Galega, que presidirá a farmacéutica e impulsora do proxecto lp10 Ariana Fernández Palomo, pretende representar a todas aquelas empresas que forman parte da cadea de valor deste sector económico: deseño, formulación, produción, distribución, comercialización ou control. As compañías socias fundadoras de ACG son, ademais de lp10, Chorima, Piel Natura, Blue Silk, Nüür, Naturavia, Amalgama, Nela Biosense, Siolaz, Orixe Cosmetics, Muuhlloa, Rizzola, Segolab Saúde, Alloa, Maruxiña, Pazo Gil Casares, Anainas, De Lú, Acemelia, Esencia Viva, Ozoaqua y Luxor Essentia.
Equipo directivo e de xestión
A nova entidade asociativa, que recibirá o respaldo do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e do BioPolo da Sionlla, contará co apoio dun staff de expertos en diversos ámbitos do asesoramento e consultaría empresarial. A súa Xunta Directiva, integrada por 10 membros, estará composta, ademais de por a súa presidenta; polo seu vicepresidente, Miguel Ramón de la Calle; secretario, José Ángel Dopico; tesoureiro, Alejandro Cortizas; e seis vocais: María José Álvarez Quintero, Natalia Silva Martín, Enrique Neira, María Luisa Rodríguez Lama, José Manuel Gómez Amorim e Juan Carlos Pastor. O Comité Executivo, con catro integrantes, estará coordinado por Xosé Luis Reza.
Asociación Cosmética Galega encargarase, entre outros obxectivos, de “representar os intereses dos seus socios ante entidades públicas e privadas; incentivar, apoiar e promover o desenvolvemento, regulación e expansión da cosmética galega; mellorar a competitividade dos seus asociados; fomentar a innovación e a investigación; apostar pola perspectiva de xénero e o empoderamento da muller; desenvolver proxectos conxuntos; compartir recursos e experiencias; e promover a sustentabilidade”.