Nace en Lugo o Arundo Donax Ensemble, unha nova formación especializada en vento madeira

LugoXa
O seu obxectivo é recuperar e actualizar a tradición da Harmoniemusik, un formato camerístico popularizado no século XVIII
david-fiuza-director-banda-musica-lugo
27 May 2025

O panorama musical galego incorpora unha nova proposta coa creación do Arundo Donax Ensemble, un conxunto instrumental especializado en vento madeira integrado por músicos profesionais da provincia de Lugo e dirixido artisticamente polo mestre David Fiuza Souto.

A formación nace co obxectivo de recuperar e actualizar a tradición da Harmoniemusik, un formato camerístico popularizado no século XVIII que inspirou obras emblemáticas como a Serenata nº10 de Wolfgang Amadeus Mozart.

Este proxecto representa un paso adiante na escena cultural galega, tanto pola calidade artística dos seus membros como pola súa vocación de achegar a música clásica a públicos diversos. Cun enfoque que combina o respecto pola tradición coas posibilidades expresivas da interpretación contemporánea, o Arundo Donax Ensemble propón unha nova vía para a música de cámara en Galicia.

O programa co que a formación inicia o seu percorrido leva por título Serenata para Tutti, nunha clara alusión ao carácter inclusivo e divulgativo das serenatas clásicas, concibidas para chegar a amplos sectores da sociedade. A proposta ofrece un percorrido por catro séculos de música occidental, dende a solemnidade barroca da Toccata e fuga en Re menor de Johann Sebastian Bach ata a modernidade da Suite for Woodwinds do compositor contemporáneo Adam Gorb. O repertorio inclúe tamén obras de Richard Wagner, Johannes Brahms e Claude Debussy, configurando un programa diverso e pensado para o goce de públicos heteroxéneos.

O Arundo Donax Ensemble sitúase así como unha nova referencia no ámbito da música clásica galega, cun proxecto artístico que combina innovación, calidade interpretativa e un claro compromiso coa difusión cultural.

O primeiro ensaio do Arundo Donax Ensemble terá lugar o vindeiro domingo, 1 de xuño, entre as 12.00 e as 14.00 horas no Auditorio do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.15848898887634