Nace o Club de Atletismo Antas de Ulla co obxectivo de ampliar a oferta deportiva no municipio

Ponse en marcha do Club de Atletismo Antas de Ulla, unha iniciativa que amplía o abano de disciplinas dispoñibles no concello e reforza o compromiso municipal coa actividade física. A creación desta nova entidade supón un paso máis na estratexia local para fomentar a práctica deportiva e consolidar un tecido asociativo dinámico e diverso.
Ano tras ano, o municipio foi sumando novas alternativas para que a cidadanía poida manterse activa, compartir espazos de lecer saudable e fortalecer valores como o compañeirismo, a constancia e a capacidade de superación. A incorporación do atletismo a esta oferta consolida esa liña de traballo e abre a porta a novas oportunidades tanto para a base como para persoas adultas interesadas nesta disciplina.
Este impulso non sería posible sen o compromiso das deportistas e dos deportistas que escollen representar a Antas de Ulla nas distintas competicións, levando con orgullo o nome e o escudo do concello nos seus equipamentos e exercendo de embaixadores do municipio alí onde participan.
Desde o Concello trasladan os seus mellores desexos ao novo Club de Atletismo Antas de Ulla nesta etapa que agora comeza, confiando en que o proxecto se traduza en importantes éxitos deportivos e en numerosas satisfaccións para toda a veciñanza.