Nace o Club Xtrem4x4 Baralla, unha nova entidade para impulsar rutas 4x4

O Concello de Baralla conta xa cun novo colectivo dedicado ao motor e á aventura. Trátase do Club Xtrem4x4 Baralla, unha entidade que xorde despois dun intenso proceso de xestións, reunións eternas, cafés esquecidos enriba da mesa e papeis que aparecían e desaparecían cando menos se esperaba. A pesar das dificultades administrativas, os promotores celebran: “Por fin somos club”.
Superado este primeiro paso, a organización pon agora o foco no realmente importante: preparar unha ruta á altura das expectativas. O equipo xa está traballando en balizar os tramos, revisalos, volver a revisalos e debater se certos pasos son realmente “viables” ou se quedarán reservados “para valentes”. Todo iso, sen esquecer as inevitables pelexas co GPS, que insiste en levar ao grupo por camiños que non tocan.
O Club Xtrem4x4 Baralla nace cun propósito claro: crear rutas con personalidade, con nivel técnico e cun punto de tolemia que permita aos participantes volver á casa esgotados pero felices.
Desde a entidade adiantan que o proxecto non fai máis que comezar e prometen novidades. “Vén algo grande. Moi grande”, aseguran.