Nadela recupera este sábado 3 a popular Feira de Entroido con música, desfile e pregón
Nadela volverá contar coa tradicional Festa de Entroido, que incluirá o habitual baile e concurso de disfraces. A organización está ao cargo da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de San Xoán de Pena que escolleu o 3 febreiro para celebrar dito evento.
Esta celebración non se recuperou despois da pandemia e agora, coa recuperación está previsto unha ampliación das actividades. A feira dará comezo ás 8.00 horas coa asignación dos postos reservados. Ás 9.30 terá lugar a apertura da feira coa exposición e venda de produtos. Estará centrada na alimentación propia do Entroido, aínda que tamén haberá polbo e postos de artesanía así como filloeiras de Muimenta.
Os asistentes tamén poderán gozar da animación a cargo dun grupo de música tradicional. A partir das 12.00 horas, será a recepción de autoridades e posterior entrega de obsequios aos vendedores concorrentes. O grupo de acordeóns Terras do Miño tamén amenizará a xornada na que se presentará oficialmente a canción Feira de Nadela da man de Diego Flâneur & Ünder.
Pregón, desfile de Entroido e música
Xa ás 13.00 horas os que se acheguen gozarán das verbas de benvida das autoridades, así coma do pregón a cargo de Roberto Pena Puentes, arqueólogo e xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. A sesión vermú será a cargo do dúo Mar de Caión. Pola tarde, a programación continúa ás 17.00 horas co baile de traxes de Entroido de todas as idades amenizado pola charanga BB+ e o dúo Mar de Caión.
Por último, a partir das 20.00 horas será o concurso de traxes de Entroido con modalidades infantil, de adultos e grupal. Esta proposta completa o cartel —deseñado por Mateo e Teresa Castro-Gil, veciños da parroquia— e que pon fin á xornada.