Narla, Vilalbite e Anafreita celebran as festas de San Pedro cun completo programa de música, verbena e tradición en Friol

As parroquias de Narla e Anafreita, no concello lucense de Friol, preparan un intenso fin de semana de celebracións na honra a San Pedro, con programacións que combinan a música tradicional, as verbenas populares e os actos relixiosos.
En Narla, as festas desenvolveranse o sábado 28 e o domingo 29 de xuño. O sábado haberá misa solemne ás 13:30 h, seguida dunha sesión vermú a cargo do Grupo Fénix. Pola noite, a verbena contará coa actuación conxunta do Grupo Fénix e a orquestra Origen. O domingo repetirase a misa á mesma hora, tamén acompañada de sesión vermú con Fénix, e o baile da noite estará amenizado pola charanga Louband e a recoñecida París de Noia.
Pola súa banda, Anafreita celebrará as súas festas nos mesmos días, na contorna da emblemática Cova da Serpe. O sábado comezará cun pasarrúas a cargo dun grupo patrocinado polo programa Tradigalu da Deputación de Lugo, seguido da misa e procesión ás 13:00 h e unha sesión vermú co artista galego Antonio Barros. Xa pola noite, haberá verbena coa orquestra Suavecito e unha actuación especial de Juan Manuel Punzano, desde Málaga, cun tributo a Manolo Escobar. O domingo 29, a misa será ás 13:00 h con acompañamento do gaiteiro Javi Show, e o vermú contará coa música do dúo Arco Iris.
Dúas propostas festivas que amosan a vitalidade do rural lucense, mantendo vivas as tradicións e ofrecendo alternativas de lecer para todas as idades.
Tamén están de festas en Vilalbite. Neste caso comezan este venres 27 cunha churrascada popular ás 21.30 horas e festa e verbena co trío Merengue e a actuación de The Foolans.
O sábado haberá misa ás 13.30 horas con sesión vermú coa orquestra Casablanca, que tamén fará a sesión verbena.