Natalia Navarro será a protagonista do programa 'Atopémonos Bailando'

LugoXa
Presentará o proxecto ‘Mängata’, un solo en desenvolvemento que será compartido coa cidadanía nunha mostra aberta o 31 de xullo ás 19.00 horas
natalia-navarro
26 Jul 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou no día de hoxe a celebración da segunda residencia artística do programa Atopémonos Bailando neste ano 2025, que se desenvolverá entre os días 27 de xullo e 2 de agosto nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). A artista seleccionada nesta ocasión é a bailarina e creadora Natalia Navarro, que presentará o proxecto ‘Mängata’, un solo en desenvolvemento que será compartido coa cidadanía nunha mostra aberta o 31 de xullo ás 19.00 horas.

A concelleira de Cultura destacou que co programa ‘Atopémonos Bailando’ “consolidamos o noso apoio ao sector da danza facendo fincapé na primeira fase de investigación e creación de espectáculos, ofrecendo tamén canles de diálogo coa veciñanza”. Ferreiro lembrou que este programa forma parte da estratexia municipal de apoio ás artes do movemento, en diálogo con outras iniciativas como o Festival Cartografía en Movemento ou o Ciclo LED – Lugo En Danza.

O proxecto ‘Mängata’ de Natalia Navarro propón un diálogo entre o corpo e o océano, entre as mareas internas e a forza lunar, onde o corpo se transforma nunha paisaxe viva, modelada por correntes que espertan memorias, emocións e mitos. Trátase dunha peza que explora a orixe do movemento e a materia que somos, fundindo o físico e o simbólico nunha experiencia sensorial e poética.

A artista, nacida en Valencia e formada en danza clásica e contemporánea, conta cunha ampla traxectoria como intérprete e creadora. Colaborou con compañías como Babirusa Danza, Omos Uno ou LaOrigen, e artistas como Virginia de la Cruz ou Patricia Caballero. Tras estrear o seu primeiro solo ‘Cuando muera’, actualmente desenvolve o dúo TACTO e inicia este segundo traballo en solitario, Mängata, dentro do programa lucense.

Maite Ferreiro quixo animar a toda a cidadanía a participar na mostra aberta do día 31 de xullo, como parte do obxectivo do programa, “achegar os procesos de creación contemporánea ao público e fomentar unha relación viva entre artistas, institucións e comunidade”, explicou a concelleira

⚙ Configurar cookies
0.3512589931488