Navia de Suarna acollerá un curso sobre técnicas de trepa e traballos de arboricultura
Navia de Suarna acollerá un curso sobre técnicas de trepa e traballos de arboricultura. A iniciativa está previsto que se desenvolva en horario de mañá e tarde, de 9:00 h. a 14:00 horas e de 15:30 h. a 18:30 horas en Casa Quindós de Vilela.
A acción formativa persegue explicar as técnicas de trepa e desprazamentos sobre árbores, os métodos de poda en altura xunto cos seus fundamentos e como se pode podar dende o alto do propio exemplar con motoserra e outras ferramentas de xeito seguro. Así, o programa recolle os principios xerais do traballo de poda en altura, as distintas técnicas de trepa e gabeo e os equipos de trepa e de acceso á árbore, así como os métodos de poda en altura.
Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico xose.lois.arenas.barreiro@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 881 042.