Navia de Suarna acollerá unha xornada de ADEGA polo seu 50 aniversario

Este sábado, 13 de setembro, Navia de Suarna converterase no escenario dunha xornada especial organizada pola Asociación Xuventude do Navia, coa que ADEGA celebrará o seu 50 aniversario.
A cita pretende render homenaxe ás históricas mobilizacións contra os encoros no río Navia, que definiron a identidade da comarca, e ao mesmo tempo abrir o debate sobre os desafíos ambientais presentes, como a invasión eólica ou o proxecto da macrocelulosa de Altri.
A programación inclúe dúas mesas redondas: unha centrada na resistencia veciñal que, xa antes dos anos 70, se opuxo á construción dos encoros, e outra dedicada ás problemáticas actuais, coa participación de ADEGA e da Plataforma Ulloa Viva. O encontro completarase cunha merenda campestre na praia fluvial do Alargo e coa actuación musical da Asociación Cultural Cantareiras Deiquí.
O evento celebrarase na terraza do H3, en Proba de Navia, e será unha ocasión para recoñecer o camiño percorrido e, sobre todo, para reafirmar unha mensaxe que se mantén intacta ao longo das décadas: a terra deféndese vivíndoa e coidándoa.