Navia de Suarna celebra a Semana Santa cunha variada programación de actividades

Debido á previsión de mal tempo, e para garantir o desenvolvemento das actividades sen contratempos, xa está instalada unha carpa na Praza
carpa-Praza-Navia-de-Suarna-actividades
16 Apr 2025

Navia de Suarna vivirá unha Semana Santa chea de actividades para todos os públicos, con propostas que van dende a gastronomía ata a música en directo, pasando por encontros culturais e concursos.

A programación comeza hoxe, 16 de abril ás 20:30 horas na Praza, coa xa tradicional "Churrascada popular", organizada pola Comisión de Festas, que promete animar a veciñanza cunha boa ración de carne á brasa e ambiente festivo.

O xoves 17 de abril ás 22:00 horas, a actividade trasládase á Gasolineira coa celebración do “III Quiz Naviego”, unha divertida noite de preguntas e respostas promovida pola Asociación Xuventude do Navia, que xa se consolida como unha cita imprescindible nestas datas.

O venres 18 de abril, tamén na Praza, celebrarase unha das festas máis emblemáticas do municipio: a “XIX Festa da Troita”, organizada pola Sociedade de Pesca “Río Navia”, que reunirá amantes da pesca e da boa mesa en torno ao produto estrela da zona.

O sábado 19 de abril, a cultura local será a protagonista. Ás 18:00 horas no Salón de Plenos do Concello terá lugar a 2ª Xuntanza de “Soa Suarna”, unha iniciativa que busca poñer en valor a tradición musical da comarca. Máis tarde, ás 19:30h no Café Bar Suarna, o ambiente seguirá animado co concerto de “Miqui Bouzá con Eva Novio”, tamén organizado por Soa Suarna.

Debido á previsión de mal tempo, e para garantir o desenvolvemento das actividades sen contratempos, xa está instalada unha carpa na Praza que permitirá desfrutar das celebracións ao aire libre sen preocuparse pola choiva.

⚙ Configurar cookies
0.19621992111206