Navia de Suarna recibirá preto de 250.000 euros da Deputación para melloras

A Deputación de Lugo achega preto de 250.000 euros para levar a cabo sete actuacións fundamentais que beneficiarán os veciños e veciñas do municipio da Montaña. O Concello de Navia completará este investimento cunha achega de case 2.000 euros.
Segundo destacou o presidente da entidade provincial, José Tomé, “con este acordo, a Deputación dá resposta a necesidades reais da veciñanza, mellorando unha das arterias principais da vila, facilitando a mobilidade entre parroquias e promovendo a práctica deportiva mediante a mellora das instalacións municipais”.
José Tomé Roca, e o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, asinaron o convenio de colaboración mediante o cal acometeranse intervencións como a mellora de camiños en catro parroquias: concretamente no lugar de Coea, na parroquia de Castañedo; no acceso ao núcleo da parroquia de Folgueiras; en Murias de Rao e Coro, na parroquia de Rao; e en Vilaverde, Camiño da Fonte e As Veigas, pertencentes á parroquia de Vilaverde.
O convenio tamén permitirá acometer a renovación integral da rúa Valle Inclán, unha das vías principais do centro da vila. Os traballos incluirán melloras no firme, reparación do sistema de drenaxe, reposición das ramplas de acceso aos garaxes, colocación dunha nova tubaxe de auga e adaptación das arquetas e pozos á nova altura da rúa. José Tomé salientou que esta actuación “permitirá renovar a imaxe do centro urbano da vila e convertelo nun espazo máis seguro e funcional para a veciñanza”.
Ademais, con cargo a este orzamento, o Goberno local poderá realizar a insonorización do polideportivo municipal na Pobra, instalando paneis de espuma no falso teito da cuberta e coidando os remates nas luminarias e outros elementos suspendidos. O presidente provincial destacou que “esta actuación permitirá mellorar a comodidade e a seguridade durante actividades deportivas e nos eventos que a veciñanza celebra neste espazo, reducindo o ruído interno e optimizando o uso desta dotación pública”.