Navia de Suarna ultima a XXXV Festa da Androlla coa venda de preto de 2.000 pezas

A cita gastronómica, que contará cunha achega de 3.000 euros da Deputación, inclúe degustación popular, comida oficial e actuacións musicais durante toda a xornada
Feira-da-Androlla-de-Navia-de-Suarna-2026
12 Feb 2026

Navia de Suarna celebrará este domingo de Entroido a XXXV edición da Festa da Androlla, unha das citas gastronómicas máis consolidadas da Montaña lucense, na que se poñerán á venda preto de 2.000 androllas.

O programa arrancará ás 10:00 horas cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas, e media hora despois abrirán os postos de venda e dará comezo oficialmente a festa, permitindo ao público adquirir durante toda a xornada produtos típicos e elaboracións artesanais.

A tradicional degustación popular da androlla celebrarase ás 13:00 horas na Praza da Vila, mentres que ás 15:00 horas terá lugar a comida oficial. A programación pecharase ás 18:00 horas cunha nova actuación musical, que servirá de broche final a esta edición.

A presentación do evento contou coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; do alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; e da responsable de Embutidos Suarna, Mari Carmen Sánchez. A Deputación de Lugo é a única administración colaboradora da festa, á que destina unha achega económica de 3.000 euros a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.

Durante o acto, Pablo Rivera destacou que a celebración camiña xa cara ás catro décadas de traxectoria, converténdose nunha das festas gastronómicas máis antigas e recoñecidas de Galicia. O deputado puxo en valor o papel da androlla non só como símbolo da tradición culinaria, senón tamén como elemento dinamizador da economía e da cultura local, cun impacto directo en Navia de Suarna e na comarca da Montaña.

Rivera incidiu ademais na importancia de apoiar o rural e subliñou que este tipo de iniciativas evidencian as necesidades dos pequenos concellos, polo que considerou esencial o respaldo institucional, especialmente nos municipios de menos de 5.000 habitantes. Tamén animou a achegarse á Montaña lucense durante o Entroido para desfrutar dun cocido coa androlla como protagonista, ao tempo que felicitou ao Concello e aos produtores por manter viva unha tradición arredor da que medra unha industria que xera emprego, fixa poboación e crea oportunidades no territorio.

Pola súa banda, o alcalde de Navia de Suarna agradeceu o apoio continuado da Deputación, asegurando que sen esa colaboración sería difícil organizar unha cita destas características. Fernández Fernández convidou a veciños e visitantes a degustar este embutido típico destas datas festivas, ao que definiu como un auténtico embaixador dos Ancares e da provincia, destacando que os produtores reciben pedidos procedentes de distintos puntos do mundo.

⚙ Configurar cookies
0.08355712890625