Néboa inaugura este venres unha mostra do compostelán Andrés Rivas Rodís

LugoXa
Gramática de Superficie é o título da primeira exposición individual
exposicion-andres-rivas-rodis
19 Sep 2024

O vindeiro venres 20 de setembro, a partir das 19.00 horas, a Galería Néboa inaugura tempada expositiva coa mostra individual Gramática de superficie, do artista compostelán Andrés Rivas Rodís.

Gramática de Superficie é o título da primeira exposición individual de Andrés Rivas Rodís na Galería Néboa. O elemento “superficie”, implicado tanto no proceso como na visualización das obras, constitúe precisamente, o fío condutor de toda a mostra. A superficie como capa externa desprotexida e base para a inscrición (de aí a súa relación coa escrita) é o soporte sobre o que, inconsciente ou premeditadamente, deposítanse todo tipo de elementos dun xeito xeolóxico, estratificados e remitíndose constantemente uns aos outros.

Un movemento tectónico, no que o artista dispón certos obxectos (telas, papeis, madeira, etc.) sobre os que realiza composicións básicas coa intención de producir o menor ruído posible e así, evidenciar as interaccións do externo no plano pictórico. A partir do descoido ou do accidente as pezas vanse “contaminando” do entorno, do espazo de traballo no que hai lixo, po, pegadas e desprendementos.

Asemade, as obras sofren unha contaminación formal, consciente e promovida polo propio artista a base de materiais atopados extraídos de calquera libro esquecido: un debuxo simulando unha bobina, un circuíto eléctrico ou a silueta dun nocello. Como é obvio, a referencia orixinal non se asocia directamente. Para Rivas Rodís, o elemento da translación é esencial para entender como, mediante o emprego da plástica, opera a nosa visualidade, o aceno en relación coas superficies, con todo o que é susceptible de ser visto, manchado e copiado.

Algúns dos papeis que utiliza nos collages son rescatados de antigos cadernos, libros ou cartas que perderon a súa función e que foron visiblemente atravesados polo tempo: un papel mercado hai dúas horas conxúgase, xustaponse e dialoga con outro de corenta anos. E volve cobrar sentido, reactívase na superficie da obra sen medo de superpoñerse á anterior. Un movemento que opera repetidamente, e que fai que unha peza non sexa un círculo pechado ou teña un punto final, senón que funcione coma unha estrutura poliédrica.

Se, como dicía Paul Válery “o máis profundo é a pel”, é porque a pel é un órgano de contacto, de permeabilidade e repleto de poros. O capilar, o térmico, a súa división en estratos, fai que poida vinculala ao espazo do taller e ao propio proceso pictórico, xa que se converte nun espazo con milleiros de puntos perceptivos: xa non só contamos co visual, a superficie é a resposta á somatización, á asimilación dun espazo, e as obras forman parte dese corpo somático, vivo e quente que é a pintura.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), mestrado en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biskaia (2024), e actualmente doutorando pola Universidade de Vigo. No 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biskaia) e no 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) co proxecto Luz negra. Ademais, foi finalista do Xuventude Crea de Santiago de Compostela (2020 e 2021) e un dos participantes no Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura EAN11 (2021) coordinado por Rafael Doctor.

Entre as súas exposicións destaca a colectiva dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), XXVI Certamen Jóvenes pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), La imagen de la memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural escuela de Ruzafa (Valencia, 2020).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19770002365112