Negueira de Muñiz acollerá un curso sobre finanzas online e banca electrónica dentro do programa “E para dixitalizarse Lugo”

O Concello de Negueira de Muñiz será unha das novas sedes do programa “E para dixitalizarse Lugo”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.
O curso que se impartirá leva por título “D00 Finanzas online: Bizum e banca electrónica” e celebrarase no Local Social de Negueira de Muñiz, situado na Praza Maior, os días 3, 5, 10, 12 e 17 de novembro de 2025, en horario de 09:30 a 13:30 horas.
A formación está dirixida a facilitar o uso seguro e responsable das ferramentas dixitais aplicadas ás finanzas, ensinando a xestionar contas bancarias a través de internet, realizar pagos mediante Bizum e empregar con confianza os servizos de banca electrónica. O programa ofrece 12 prazas, e o período de inscrición estará aberto ata o 18 de outubro.
A iniciativa, financiada pola Unión Europea e enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira e Ministerio de Traballo e Economía Social, e ten como obxectivo achegar a transformación dixital ás zonas rurais da provincia, mellorando as competencias tecnolóxicas da cidadanía.
As persoas interesadas poden inscribirse a través dos teléfonos 982 260 075, 679 549 522 ou 646 857 614, así como no correo electrónico eparadixitalizarse@deputacionlugo.org.